A directora xeral de Persoas con Discapacidade participou no encontro autonómico de familias

A Xunta agradece o traballo e esforzo das familias na defensa dos dereitos das persoas con discapacidade

Begoña Abeijón lembrou o compromiso do Goberno galego co tecido asociativo e puxo en valor o seu labor

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2026

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, participou no Encontro anual de familias  que organiza Fademga Plena Inclusión. Neste sentido, agradeceu o traballo e esforzo das unidades familiares na defensa dos dereitos das persoas con discapacidade e nos avances acadados nos últimos anos.

O obxectivo desta  xornada e que as familias compartan experiencias sobre a atención e coidados das persoas con discapacidade, a promoción da súa autonomía e a importancia de darlle voz. Neste sentido, Begoña Abeijón lembrou que a colaboración entre a Xunta e o tecido asociativo é fundamental para seguir mellorando a calidade de vida das familias, polo que desde o Goberno galego se impulsan iniciativas a través das axudas con cargo ao IRPF, os convenios de colaboración e o financiamento de prazas públicas.

A directora xeral puxo en valor o papel da familia na orixe do tecido social, xa que a maioría das entidades e federacións creáronse a partir da unión de familias para loitar polos dereitos dos seus membros con discapacidade. Ao respecto, destacou que hoxe en día as entidades son aliadas fundamentais para as administracións porque permiten achegar máis recursos a cada vez máis persoas.

Ademais, Begoña Abeijón recordou que o pasado ano a Xunta materializou o incremento do orzamento para os concertos sociais do eido da discapacidade para facer fronte á suba dos convenios colectivos estatais. Unha mostra, dixo, do compromiso do Goberno galego con todo o tecido asociativo, como é o caso de Fademga, unha das entidades referentes en Galicia.

Nesta liña, a directora xeral destacou que a Xunta inviste cada vez máis na atención a persoas con discapacidade, cun orzamento de máis de 190 millóns de euros neste ano 2026. Isto permite poñer en marcha máis recursos para que as persoas con discapacidade teñan os servizos e apoios que necesitan en todas as etapas das súas vidas: unidades de atención temperá, prazas residenciais e diúrnas, centros especializados, programas e actividades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/09/2026