A Xunta mellora a atención ás persoas con discapacidade co financiamento dun novo vehículo adaptado para Aspnais
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, visitaron a asociación luguesa de persoas con discapacidade intelectual
Aspnais foi unha das doce beneficiarias da última convocatoria da liña de axudas específicas ao transporte para entidades sociais, dotada con medio millón de euros
Lugo, 17 de setembro de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e polo delegado da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, comprobou hoxe as prestacións do vehículo adaptado que adquiriu a Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual (Aspnais) grazas ás axudas da Xunta para facilitar o transporte de persoas dependentes ou con discapacidade. A visita enmárcase na Semana Europea da Mobilidade, que este ano pon o foco na importancia de avanzar cara a unha mobilidade máis accesible e sostible.
A entidade luguesa recibe este vehículo no marco da convocatoria de axudas a entidades de iniciativa social para a adquisición de vehículos adaptados, dotada con 500.000 euros e resolta o pasado mes de agosto. Na actual convocatoria, a Xunta concedeu 12 axudas, que permitían financiara ata o 100 % do investimento subvencionable, cun límite máximo de 50.000 euros por vehículo.
A liña está destinada á compra de vehículos novos adaptados para persoas con mobilidade reducida, que deben contar coas adaptacións técnicas necesarias para garantir a accesibilidade, seguridade e comodidade das persoas usuarias. Os vehículos poden destinarse, entre outros usos, ao transporte escolar, á asistencia a centros de día ou aos desprazamentos para tratamentos de rehabilitación e servizos similares.
Esta iniciativa enmárcase nun ámbito de actuación prioritario para a Xunta, orientado á mellora da mobilidade no eido dos servizos sociais, ao tempo que se fomenta unha mudanza cara a modelos de transporte máis sostibles desde o punto de vista ambiental. Contribúese así á redución do impacto sobre a contorna natural e á mellora da calidade de vida das persoas dependentes e con discapacidade, tanto a nivel individual como colectivo. Nesta liña, as axudas subvencionan vehículos de emisión cero, tipo eco ou etiqueta C.
Outras medidas de apoio
Esta liña de axudas súmase a outras medidas da Xunta para facilitar a mobilidade das persoas con necesidades especiais. No ámbito do taxi, o Goberno galego apoia a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida con contías de ata 10.000 euros, unha medida que permitiu financiar na última convocatoria a compra de 31 vehículos.
Ademais, a Xunta facilita o transporte escolar adaptado ao alumnado de 17 entidades especializadas na atención á diversidade. Neste curso 2025-2026 destina máis de 1,9 millóns de euros para colaborar con entidades sen ánimo de lucro e centros especiais de emprego no desprazamento de alumnado con distintos tipos de discapacidade.