A Xunta traballa na adaptación do transporte do CPI Castro Baxoi ao novo horario lectivo do centro
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, explica no Parlamento que os servizos se deseñaron conforme ao horario oficial e que calquera modificación debe coordinarse coa nova organización das clases
Máis de 80.000 escolares utilizan diariamente as 3.700 rutas de transporte escolar que funcionan en Galicia
A Xunta inviste este curso máis de 90M€ no transporte escolar gratuíto, que chega a preto de 700 centros educativos
Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2026
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, explicou hoxe no Parlamento que a Xunta traballa na modificación do horario de transporte do CPI Castro Baxoi, en Miño, para adaptalo ao novo horario lectivo que debe aprobar o centro e garantir así tanto a duración regulamentaria das clases da ESO como o servizo de transporte ao alumnado.
Neste sentido, lembrou que o funcionamento do transporte escolar parte sempre dos horarios oficiais dos centros educativos. Polo tanto, cando se modifica o horario lectivo tamén cómpre revisar a organización do transporte para comprobar como encaixa a nova situación cos servizos existentes. No caso do CPI Castro Baxoi, son seis liñas de autobús vinculadas a tres contratos diferentes, polo que a adaptación require coordinar as distintas prestacións e os medios dispoñibles.
Judit Fontela aclarou que o transporte non é a orixe do problema detectado no horario do centro. Os servizos foron deseñados conforme ao horario oficial que se viña aplicando desde hai anos. Unha vez establecida a necesidade de corrixilo para garantir a duración das clases da ESO, a Xunta revisa agora as posibilidades de adaptación do transporte ao novo horario.
Esta coordinación forma parte do traballo habitual da Dirección Xeral de Mobilidade para axustar o servizo ás necesidades dos centros e do alumnado. En Galicia, máis de 80.000 escolares utilizan diariamente máis de 3.700 rutas de transporte escolar, entre servizos de uso especial e transporte integrado.
No transporte de uso especial, a rede chega este curso a máis de 42.000 alumnos de 230 centros, con case 1.500 rutas e máis de 12.100 paradas. Pola súa banda, o transporte integrado supera as 2.200 liñas e permite compatibilizar o desprazamento escolar con outros usos, de maneira que os mesmos servizos poden atender tamén a outros usuarios.
A Xunta destina 90 millóns de euros este curso ao transporte escolar gratuíto, que chega ao alumnado de preto de 700 centros educativos. Ademais, a adaptación da rede ás necesidades que xorden ao longo do curso reflíctese nas 522 solicitudes de novas paradas tramitadas neste inicio de curso, das que 364 foron autorizadas.
No caso do CPI Castro Baxoi, o obxectivo é, polo tanto, encaixar o novo horario lectivo coas posibilidades que ofrecen os contratos de transporte, para que a modificación permita cumprir a duración das clases e manter un servizo adecuado para todo o alumnado.