A Xunta concede axudas por valor de preto de 460.000 euros a seis concellos de Ferrolterra para actuacións en materia de xestión de residuos

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe o Concello de Cabanas que vén de adquirir unha caixa de punto limpo móbil

A través destas axudas destinadas a Administracións locais promóvese a implantación da recollida separada dos biorresiduos a través do contedor marrón, proxectos de compostaxe doméstica e a recollida selectiva do aceite de cociña usado e residuos téxtiles, ademais da mellora ou posta en marcha de diferentes puntos limpos

Cabanas (A Coruña), 1 de setembro de 2025

A Xunta concedeu este ano axudas por valor de 459.460 euros a seis concellos da área territorial para levar a cabo actuacións en materia de xestión de residuos de competencia municipal. Así o informou esta mañá a delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, durante unha visita ao Concello de Cabanas, un dos beneficiarios, xunto aos de San Sadurniño, Valdoviño, Ares, Ortigueira e Pontedeume destas axudas da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Durante a visita na que estivo acompañada do alcalde Fernando Couce, Aneiros lembrou que o Goberno galego pretende con estas achegas, -divididas en dúas convocatorias-, avanzar cara a un modelo de economía circular a nivel local e na loita contra o cambio climático. Así, dunha banda promovendo incentivos a Concellos para implantar, a través do contedor marrón, a recollida separada dos biorresiduos, apoialos no impulso de proxectos de compostaxe doméstica ou comunitaria, así como na recollida selectiva das outras dúas fraccións de residuos domésticos sobre as que a Unión Europea ten posto o foco nos últimos anos: o aceite de cociña usado e os residuos téxtiles.

Doutra banda, habilitáronse tamén subvencións para garantir unha correcta xestión dos residuos domésticos especiais que quedan fóra da recollida domiciliaria e non poden depositarse en contedores específicos, a través da mellora ou posta en marcha de diferentes tipos de puntos limpos.

Seis Concellos beneficiarios na zona

No caso de Cabanas, o Concello percibiu unha axuda de 13.455 euros para a adquisición dunha caixa de punto limpo; mentres que o de San Sadurniño foi beneficiario dunha achega autonómica de 39.612 euros para mercar un remolque punto limpo móbil, 250 composteiros domésticos, 25 caldeiros e 6.000 bolsas.  Desenvolverase tamén unha campaña de información á poboación e unha actuación de difusión e formación sobre a mellora da recollida separada de biorresiduos destinados a instalacións específicas de tratamento biolóxico.

Pola súa banda, Valdoviño recibiu subvencións por valor de 107.865 euros para a adquisición dun camión máis caixa de punto limpo móbil, ademais de cen composteiros domésticos e outros tantos aireadores e caldeiros, 30 contedores e 400 bolsas, e a posta en marcha dunha campaña de información para a poboación e grandes xeradores, así como outras actividades formativas. De igual forma, o Concello de Ares tamén recibiu financiamento autonómico para a adquisición dun camión e caixa de punto limpo móbil, así como para mercar diferente material vinculado á xestión de residuos -20 contedores, 50 composteiros domésticos e outros tantos caldeiros e aireadores-. No seu caso a axuda ascendeu a 101.806 euros e tamén incluíu financiación para actuacións formativas e campañas informativas para a poboación e grandes xeradores.

O Concello de Ortigueira, percibiu unha axuda conxunta de 94.000 euros que destinou á adquisición dun remolque punto limpo móbil, un camión e diverso material -contedores e caldeiros-, así como ao desenvolvemento dunha campaña de difusión. Por último, no caso de Pontedeume, o investimento (102.712 euros) irá destinado á adquisición dun camión e caixa de punto limpo móbil, contedores e formación de persoal así como de diferente material como un centenar de composteiros domésticos e outros tantos caldeiros e aireadores. A financiación autonómica está dirixida tamén o desenvolvemento de actuacións formativas.

“Dende a Xunta somos conscientes do reto que supón para os concellos o cumprimento da normativa europea en materia de residuos por iso convocamos estas axudas dotadas este ano cun orzamento global de 11,2 M€”, lembrou a delegada territorial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/09/2025