O Servizo Galego de Saúde publica a listaxe definitiva das persoas seleccionadas para diversas prazas de persoal sanitario de formación profesional e inicia o proceso de elección de destino
Ofértase un total 154 prazas en diversas categorías de persoal sanitario de formación profesional
As prazas pertencen ao proceso selectivo de estabilización por concurso de méritos e ao proceso selectivo por concurso-oposición
Ábrese un prazo de 10 días hábiles para que os aspirantes elixan destino de xeito telemático
Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2025
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, as resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde polas que se publican os aspirantes definitivamente seleccionados no concurso-oposición e no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso en diversas categorías de persoal sanitario de formación profesional.
No que atinxe aos procesos selectivos de estabilización, polo sistema de concurso de méritos convocado pola resolución do 26 de decembro de 2022, resultaron definitivamente seleccionadas 140 persoas, pertencentes a diversas categorías de persoal sanitario de formación profesional.
O número de prazas ofertadas por categoría, que concorda co número de persoas seleccionadas en cada categoría é o seguinte:
|
CATEGORÍA |
Nº DE PRAZAS |
|
Técnico/a en farmacia |
51 |
|
Técnico/a superior en anatomía patolóxica e citoloxía |
10 |
|
Técnico/a superior en dietética |
5 |
|
Técnico/a superior en hixiene bucodental |
2 |
|
Técnico/a superior en imaxe para o diagnóstico |
32 |
|
Técnico/a superior de laboratorio de diagnóstico clínico |
37 |
|
Técnico/a superior en radioterapia |
3 |
Pola súa banda, nos procesos selectivos polo sistema de concurso-oposición, convocados pola resolución do 14 de decembro de 2022, resultou seleccionado un total de 14 persoas. Da totalidade dos seleccionados, 2 corresponden á categoría de técnico/a superior en hixiene bucodental e 12 á de técnico/a superior en imaxe para o diagnóstico.
Coa publicación destas resolucións ábrese un prazo de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación destas resolucións (do 3 ao 16 de setembro de 2025) para que todos os aspirantes que participan no proceso seleccionen telematicamente, a través do sistema de información Fides/expedient-e, os destinos ofertados por orde de prelación entre a relación de prazas ofertadas.
Procedemento de elección de destino
A elección de destino realizarase a través do sistema de información Fides/expedient-e, conforme ás bases de procedemento publicadas no Diario Oficial de Galicia do 5 de xuño de 2020. A aplicación informática fará visibles todas e cada unha das prazas que se ofertan na respectiva categoría e facilitará información ao aspirante da posición e orde de prelación que ocupa no proceso, a efectos de elección de destino, segundo a quenda de participación e puntuación acadada nel. A selección de destinos efectuarase por orde de preferencia e requirirá a sinatura electrónica e presentación por rexistro electrónico.
O aspirante disporá das mesmas opcións que no acto presencial. Así, a aplicación permitirá a renuncia á participación na elección de destino e mesmo a elección dun número de prazas inferior ao da posición que ocupa no proceso.
Finalizado o prazo para a selección de destinos, o sistema de información efectuará a adxudicación automática, en función da quenda e orde de prelación acadada por cada aspirante no proceso e atendendo á orde de preferencia na selección de destinos efectuada por este.
Este procedemento telemático redunda nunha maior axilidade e simplificación dos procesos selectivos e supón un avance no dereito dos/das cidadáns/ás de relacionarse electronicamente coas administracións públicas. Asegúrase a continuidade asistencial e o normal funcionamento dos centros sanitarios e evita o desprazamento dos aspirantes á sede do órgano convocante como acontecía coa modalidade presencial.
As persoas seleccionadas poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas con estes dous procesos selectivos ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es.