A Xunta financia con preto de 150.000 € as obras de mellora de infraestruturas en sete empresas turísticas da área territorial de Ferrol
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o cámping das Cabazas, en Covas, un dos negocios beneficiarios desta convocatoria de Turismo de Galicia
Esta orde está destinada a establecementos de aloxamento e restauración e contou este ano cun orzamento de 4,5 M€
Ferrol, 2 de setembro de 2025
A Xunta financia este ano con 149.707 euros actuacións de mellora das infraestruturas de sete establecementos de aloxamento e restauración de Ferrolterra. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o cámping das Cabazas, un dos negocios beneficiarios destas achegas da Axencia Turismo de Galicia.
O cámping localizado na parroquia de Covas, percibiu unha axuda de 39.800 euros destinada á modernización das súas instalacións. Concretamente, o investimento destinouse a acondicionamento de zonas comúns como os aseos, baños e duchas.
Tal e como lembrou a delegada territorial, o obxectivo principal desta convocatoria, cuxo crédito orzamentario ascendeu a 4,5 M€, é “fortalecer a competitividade do sector a través de investimentos que optimicen aspectos como a accesibilidade, a eficiencia enerxética, a dixitalización ou a calidade das instalacións co fin de consolidar unha oferta turística de calidade na nosa Comunidade”.
Poden ser obxecto de subvención a través desta orde de axudas as actuacións destinadas a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas nos establecementos; as obras de mellora para obter certificacións de calidade; as actuacións de renovación, modernización ou adaptación ás modificacións normativas; a adquisición de equipamento; intervencións de mellora da climatizacións; actuacións de dixitalizacións de sistemas de xestión ou comercialización e de adaptación aos sistemas de seguridade e saúde.
O límite de investimento por actuación subvencionable será de 100.000 euros e a intensidade da axuda poderá acadar o 60%, ata un máximo de 60.000 euros por beneficiario.