A Xunta presenta en Bos Aires a nova edición de ‘Saborea Galicia Calidade’ que levará á capital arxentina en outubro a música de Luz Casal e Baiuca

O secretario xeral da Emigración participou no acto que tivo lugar na sede da Embaixada de España na Arxentina, poñendo de relevo que o programa tamén inclúe a promoción da nosa gastronomía e encontros coa colectividade galega

Antonio Rodríguez Miranda sinalou que haberá unha recepción na Embaixada o 10 de outubro na que Galicia será Comunidade Autónoma convidada de honra e á que asistirán máis de 1.000 persoas

Bos Aires (A Arxentina), 4 de setembro de 2025

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou hoxe na presentación dunha nova edición de Saborea Galicia Calidade que tivo lugar na sede da Embaixada de España na Arxentina. Acompañado polo delegado da Xunta na Arxentina, Alejandro López Dobarro, e polo embaixador de España, Joaquín de Arístegui Laborde, o representante autonómico referiuse ao programa como unha ambiciosa proposta cultural, gastronómica e institucional impulsada pola Xunta, coincidindo coa celebración do Día Nacional de España e co nomeamento de Galicia como Comunidade Autónoma convidada de honra.

Durante a súa intervención, Miranda destacou que esta iniciativa supón “unha oportunidade para reivindicar a Galicia universal, orgullosa das súas raíces, e que dialoga co mundo a través da súa cultura, en especial a música, da súa cociña e da súa xente”.

Así, no marco desta iniciativa, a capital arxentina acollerá, entre outros moitos actos, os concertos de Baiuca (o día 10 de outubro no Groove) e de Luz Casal (o 12 de outubro no Centro Cultural-Palacio Libertad), así como catas comentadas de viños e da nosa gastronomía e encontros profesionais co obxectivo de promover os produtos certificados co selo de Galicia Calidade.

Na presentación trasladouse que a programación se estenderá tamén a Montevideo, a onde, precisamente, se desprazará o secretario xeral da Emigración nas próximas horas para manter xuntanzas de traballo e asistir a diversos actos.

Cómpre engadir que a sede da Embaixada de España na Arxentina acolleu hoxe, a maiores, un encontro cos responsables dos centros galegos en Bos Aires, onde Rodríguez Miranda tamén estivo acompañado polo delegado da Xunta na Arxentina e polo embaixador.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/09/2025