O presidente da Xunta de Galicia asistiu en Santiago de Compostela á apertura do ano académico universitario
Rueda enxalza o papel do Sistema Universitario Galego como piar do desenvolvemento económico e social e reafirma o compromiso da Xunta cunha universidade de calidade e accesible
Destaca o diálogo e o consenso como base dun modelo que conta cun financiamento plurianual de 3.100 millóns de euros para 2022-2026, e subliña que Galicia é a primeira Comunidade en acadar o obxectivo do 1% do PIB en financiamento universitario
Reivindica o modelo de universidade accesible, sendo Galicia a única Comunidade con matrícula universitaria gratuíta e con taxas conxeladas desde hai 14 anos, o que supón un aforro de máis de 20 millóns de euros anuais para as familias galegas
Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, presidiu hoxe o acto de apertura do curso académico universitario do Sistema Universitario de Galicia (SUG), celebrado no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela. Rueda destacou o papel fundamental das universidades públicas galegas no desenvolvemento científico, social e económico da Comunidade, e subliñou o seu compromiso coa estabilidade, a investigación e a accesibilidade.
O presidente sinalou que “o noso sistema universitario é un dos piares fundamentais do desenvolvemento de Galicia en todos os sentidos: científico, social e económico" e indicou que o SUG destaca polo seu rigor académico e investigador, pola calidade da docencia pola súa implicación co tecido produtivo. Ademais, puxo en valor que “Galicia conta cun sistema universitario baseado na planificación desde hai moitos anos que busca o consenso, que non sempre é sinxelo, pero ten que ser un obxectivo para un avance conxunto”. Neste senso destacou a construción dun modelo universitario baseado no diálogo e na cooperación constante coa comunidade académica, ofrecendo así estabilidade e solidez ás decisións adoptadas.
Nesta liña, Rueda fixo fincapé en que “aspirar a cohesionar o noso territorio nun sistema universitario con tres universidades asentadas en diversos campus impregnando toda a nosa xeografía tamén é garantir igualdade de oportunidades”. Por outro lado, destacou o mapa de titulacións “amplo e diverso, con preto de 130 graos adaptados á realidade dunha sociedade como a galega, que é dinámica, está en transformación e ten retos moi importantes.
Rueda reafirmou o compromiso do seu Goberno cun financiamento “estable e planificado” para o SUG, mencionando que o Plan de Financiamento 2022-2026 mobiliza 3.100 millóns de euros, case “700 millóns máis que o plan anterior”. Ademais, destacou que Galicia é a primeira Comunidade en acadar o obxectivo do 1% do PIB en financiamento público conforme aos criterios do Ministerio de Educación. Igualmente, referiuse ao Plan de Infraestruturas, dotado con “56 millóns de euros”, que conta con proxectos xa en marcha como os novos edificios da Escola de Enxeñería Aeronáutica de Ourense e da Facultade de Farmacia de Santiago.
O xefe do Executivo autonómico puxo en valor o apoio á investigación e á innovación, con investimentos de “20,7 millóns de euros en infraestruturas científicas” para o bienio 2025-2026, “un 10% que o bienio anterior” . Mencionou a importancia da Rede CIGUS, “un orgullo para toda Galicia”, que agrupa dez centros de investigación, e anunciou a próxima creación da Fundación GALTIA este outono, que nace coa misión de converter Galicia nun referente na captación e retención de talento investigador.
Finalmente, Rueda reivindicou o modelo de universidade accesible que Galicia ofrece, lembrando que é a única Comunidade Autónoma con matrícula universitaria gratuíta “que xa beneficiou a máis de 28.000 estudantes nos dous anos que leva en vigor” e con taxas conxeladas desde hai 14 anos. Estas medidas, que supoñen un aforro de máis de 20 millóns de euros anuais para as familias galegas, permiten que Galicia ofreza educación de balde desde a escola infantil ata a universidade.