O sistema educativo galego estrea este curso as primeiras medidas para a redución da burocracia
Román Rodríguez comproba no Instituto de Ames o funcionamento das primeiras medidas que se aplicarán nas vindeiras semanas e que seguirán progresivamente
Trátase da dixitalización dos protocolos de revisión de cualificacións, de absentismo e de intervención dos Equipos de Orientación Específica
É unha das medidas do Acordo de mellora educativa para mellorar as condicións de traballo do profesorado e reinvestir ese tempo en tarefas pedagóxicas
O conselleiro destaca que, “tras moitos meses de preparación, todo está xa listo nos centros para a volta ás aulas o vindeiro luns”
Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, comprobou hoxe no Instituto Plurilingüe de Ames o funcionamento das primeiras medidas do Plan para a simplificación das tarefas burocráticas nos centros educativos aprobado este verán e que Xunta pon en marcha neste curso académico. No marco desta visita destacou que, “tras moitos meses de preparación, todo está xa listo nos centros para a volta ás aulas o vindeiro luns”.
Tal e como explicou o titular do departamento educativo do Goberno galego, este plan suporá, unha vez estea desenvolvido por concreto, un aforro de máis de 120.000 horas de traballo administrativo por curso no conxunto do sistema e uns 600 pasos nos procedementos que, en moitos casos, se repiten varias veces ao logo do curso, o que multiplica de xeito exponencial estas cifras. Neste sentido, indicou que o plan está pensado para optimizar procesos e mellorar canles de información, de tal forma que se alixeire a carga administrativa de equipos directivos e docentes “e se favoreza o seu traballo cotiá mantendo a seguridade e trazabilidade dos procedementos”, sinalou.
Neste curso o plan estreará unha decena de novas funcionalidades, entre as que Román Rodríguez destacou as tres que están a piques de entrar xa en funcionamento. Son, en concreto, a dixitalización de tres protocolos educativos: o de reclamación e revisión de cualificacións finais, ampliando o seu uso ás etapas de ESO e Bacharelato, o de seguimento e rexistro do protocolo de absentismo escolar e o procedemento de intervención do Equipos de Orientación Específica nos centros educativos. A dixitalización acompañarase da publicación dunha nova versión do protocolo para a prevención e o control do absentismo, un documento adaptado aos novos tempos.
A dixitalización destes procedementos educativos permitirá aforrar tempo e pasos intermedios, ao tempo que se dá máis seguridade á tramitación e se facilita o seu rexistro. Ademais, o conselleiro fixo fincapé en que supón un avance para a inclusión educativa, dado que se facilita o labor dos orientadores.
Cómpre lembrar que o Plan para a simplificación das tarefas burocráticas, aprobado o pasado mes de xullo, é unha das medidas contempladas no Acordo de mellora educativa asinado coas organizacións sindicais CCOO, ANPE e UXT, en concreto no que atinxe á mellora das condicións de traballo do profesorado, dado que a redución das tarefas administrativas é unha demanda que a Consellería leva tempo percibindo.
50 procedementos e 22 aplicacións
O plan implica actuar sobre máis de 50 procedementos administrativos e en 22 aplicacións informáticas, con preto de medio cento de accións de mellora distribuídas en tres eixes. O primeiro deles céntrase na simplificación administrativa, o segundo na dixitalización e o terceiro na adaptación do marco normativo vixente para dar soporte legal ás devanditas actuacións.
Ao longo do curso estarán en funcionamento, entre outras medidas, a informatización do chamamento de profesorado substituto para evitar que os interesados teñan que estar pendentes do teléfono, como ocorre ata o momento; a mellora da xestión das oposicións ou a posta en marcha de ferramentas que faciliten o traballo dos departamentos de orientación a través da intelixencia artificial.
Medidas en desenvolvemento
De cara ao curso 2026/27 xa se está traballando no desenvolvemento de medidas como GaliOrienta, un aplicativo dixital para a planificación das intervencións educativas dirixidas ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, a implantación da sinatura dixital para todo o profesorado ou a dixitalización de novos protocolos.
Tamén se traballa na creación do expediente electrónico do alumnado, un espazo dixital único que recolla todos os datos do estudante, no marco do programa EdugalIA.