A Xunta imparte un curso sobre técnicas de construción industrializada para persoal da Administración Pública
A formación, que ten todas as prazas reservadas, busca dar a coñecer os beneficios das técnicas industrializadas aplicadas á construción e as diferentes metodoloxías de cara a xestionar este tipo de proxectos no sector público
Os dous docentes principais serán Juan Carlos Cabrero Seral e Jerónimo Alonso Martín, cunha ampla experiencia no eido, entre outros relatores
Na parte práctica, a actividade formativa inclúe visitas a fábricas e edificacións en Galicia que utilizan técnicas industrializadas
Santiago de Compostela 7 de setembro de 2025
A Xunta impartirá a formación “Construción industrializada. Modelos de xestión para os técnicos da Administración”, a través da Escola Galega de Administración Pública, en formato híbrido, dende o próximo martes 9 de setembro. As 30 prazas convocadas están reservadas. Esta primeira edición está dirixida soamente aos técnicos da administración autonómica, con previsión de que o ano que vén poida ampliarse tamén ao persoal doutras administracións, como a local ou universidades.
O curso ten unha duración de 20 horas, e os seus obxectivos son entender os principios da construción industrializada e o seu impacto no eido, os beneficios para o sector público e a colaboración público- privada e coñecer as metodoloxías da xestión de proxectos nos que se aplican técnicas industrializadas no sector público.
A formación está destinada a persoal ao servizo da administración xeral da comunidade autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais e da administración institucional, concretamente a arquitectos e arquitectos técnicos de oficinas de supervisión de proxectos ou seguimento de obras da Administración.
Os dous docentes principais serán Juan Carlos Cabrero Seral, arquitecto técnico, con máis de 20 anos no sector, docente en diversas entidades no eido da construción industrializada, e Jerónimo Alonso Martín, Arquitecto e arquitecto técnico especialista en BIM (Building Information Modeling) e experto nas novas tecnoloxías aplicadas á construción.
A actividade formativa inclúe visitas a fábricas e edificacións en Galicia que utilizan técnicas industrializadas como Xilonor en Coirós (A Coruña) ou Rodiñas en Curtis (A Coruña).