A Xunta cualifica o programa radiofónico de Montevideo ‘Sempre en Galicia’ como a voz da nosa emigración e un faro da cultura durante xeracións

O secretario xeral da Emigración asistiu ao acto de celebración do 75º aniversario da que é a emisión radiofónica na nosa lingua máis lonxeva de todo o mundo, que reuniu a membros da colectividade galega e a representantes culturais

Nas últimas horas tamén mantivo un encontro cos responsables da Asociación de empresarios galegos do Uruguai (AEGU), cos que abordou liñas de colaboración por consideralos “clave para proxectar Galicia no mundo”

Montevideo (O Uruguai), 6 de setembro de 2025

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, xunto coa delegada da Xunta no Uruguai, Elvira Domínguez, participou no acto de celebración do 75º aniversario do emblemático programa Sempre en Galicia, a emisión radiofónica en galego máis lonxeva de todo o mundo e referente da nosa cultura na diáspora uruguaia desde a súa creación. Un programa que tamén se escoita ao outro lado do Río da Prata.

O evento, celebrado no Auditorio Vaz Ferreira de Montevideo, congregou a numeroso público vinculado á colectividade galega, ademais de a autoridades locais e personalidades do ámbito cultural.

Durante o acto, Miranda subliñou o valor simbólico do programa como “voz permanente de Galicia no exterior e ponte de unión entre xeracións de emigrantes”. Agradeceu tamén o labor das persoas que mantiveron vivo este programa ao longo de sete décadas e media, co galego e a cultura como sinais de resistencia cultural.

Encontro con AEGU

O secretario xeral tamén mantivo un encontro institucional coa Asociación de empresarios galegos do Uruguai (AEGU), no marco da súa viaxe oficial ao país para reforzar os vínculos coa colectividade galega. A reunión tivo lugar na sede da Delegación da Xunta en Montevideo, onde Miranda estivo acompañado pola delegada do Goberno galego, Elvira Domínguez. Durante a xuntanza, abordáronse posibles vías de colaboración.

“O empresariado galego no exterior é clave para proxectar Galicia no mundo, e tamén para crear pontes de ida e volta que favorezan o retorno e a cooperación económica”, sinalou Miranda tras a reunión, destacando o papel activo da AEGU na dinamización da comunidade galega desde o ámbito empresarial.

Nesa liña, o secretario xeral agradeceu o compromiso desta entidade, que leva anos apoiando a galeguidade desde unha perspectiva innovadora, xerando redes de apoio para profesionais e emprendedores galegos dentro e fóra do país.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/09/2025