A Xunta e Asnauga resaltan o importante papel do turismo náutico na economía azul de Galicia e estudan novas vías de colaboración
Santiago de Compostela, 06 de setembro de 2025
A Xunta de Galicia e a Asociación de Clubs Náuticos de Galicia (Asnauga) destacan a importancia do turismo náutico-deportivo na economía azul de Galicia, e exploran novas liñas de traballo de cara a potenciar a comunidade coma referente do sector a nivel nacional. Así se extrae da reunión que mantiveron a conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, e polo director de Portos de Galicia, Juan Sanmartín, con representantes de dito colectivo na que se abordaron o deseño de estratexias e medidas que teñan como obxectivo principal a promoción do turismo náutico en xeral e a formación dos seus profesionais.
Na xuntanza, tamén foron analizados posibles cambios normativos de cara a mellorar a operatividade destas entidades e a súa ordenación nas instalacións portuarias autonómicas. Do mesmo xeito, tratáronse as posibilidades de colaboración en materia de formación a través da participación dos centros pertencentes á Consellería do Mar. O obxectivo é poñer en valor o traballo e saber facer destas entidades que, ademais, son sinónimo de calidade e sostibilidade polo gran número de distintivos que acollen cada verán nas súas instalacións.
A Asociación Galega de Clubs Náuticos de Galicia (Asnauga) constituíuse no ano 2003 con 16 membros fundadores, contando con máis do 80 % das instalacións náuticas de Galicia e xestionando ao redor de 3.000 prazas de amarre con ao redor de 20.000 asociados e 45.000 usuarios. Na actualidade, agrupa a 30 entidades náutico-deportivas galegas.