Galicia terá este curso 31.756 profesores, a cifra máis alta da súa historia, grazas a un incremento de 153

Román Rodríguez avanza nunha entrevista na Radio Galega que todo está listo para o comezo das clases este luns, agradece a toda a comunidade escolar o traballo de preparación iniciado hai meses e desexa un bo curso a alumnado e docentes

Sinala que a Consellería reforzou e axilizou este ano a dotación de profesorado e destaca que Galicia emprendeu un camiño imparable para mellorar as ratios

Os centros educativos da Comunidade contarán con 302.843 estudantes, o que supón 4.255 menos que hai un ano con baixadas en Infantil, Primaria e ESO

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2025

O sistema educativo galego contará este curso con máis profesorado que nunca. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou hoxe a cifra nunha entrevista na Radio Galega o día antes do inicio das clases na Comunidade. Serán, en total, 31.756 docentes, o que supón un incremento de 153 e marca un novo récord no ensino autonómico.

O conselleiro destacou a aposta que o Goberno de Alfonso Rueda está realizando para mellorar as ratios nas aulas nun contexto de caída de natalidade, mantendo a intensidade dos procesos de oposicións e avogando polos programas de reforzo, así como por dar oportunidades á mocidade a través da Formación Profesional. Estes feitos explican o aumento de docentes, que permitirá seguir mellorando tanto as ratios por aula como as ratios por profesor, onde Galicia xa é unha das comunidades líderes en España cunha taxa de 9,9 estudantes por docente fronte á media de 11,3 do Estado.

A piques de comezar o curso, avanzou que todo está listo. De feito, sinalou que a Consellería reforzou e axilizou este ano a dotación de profesorado, coa resolución das oposicións e do concurso de adxudicación de destinos provisionais xa a finais de xullo. Igualmente, ao longo da última semana completáronse os cadros de persoal, tanto no que ten que ver con Plan MEGA de mellora educativa de Galicia (que o ano pasado non puido chegar ata outubro) como coa cobertura de baixas, entre outros aspectos.

O regreso ás aulas este luns, día 8, será posible logo dunha intensa preparación, un proceso iniciado hai meses e que implica a numerosas persoas, a quen o conselleiro agradeceu o seu traballo e dedicación mesmo durante as vacacións de verán. Entre eles, subliñou as obras de mellora en centros educativos, con case 3.000 actuacións e máis de 331 millóns de euros investidos a través do Plan de nova arquitectura pedagóxica. Con todo listo, desexou un bo curso a alumnado e docentes para avanzar na preparación dunha nova xeración de galegos, cun ensino adaptado aos retos que asumirán no futuro.

Alumnos por etapa e provincia

En total, serán 302.843 estudantes os que volvan ás aulas en toda a Comunidade nas etapas de Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e Educación Especial. Son 4.255 alumnos menos que no curso pasado. A matrícula de FP continuará aberta ata finais de mes.

Por provincias, 129.599 alumnos pertencen á provincia da Coruña (1.813 menos), 32.302 na de Lugo (473 menos), 29.464 na provincia de Ourense (407 menos) e 111.478 na de Pontevedra (1.562 menos). Por etapas, cursarán Educación Infantil 47.355 alumnos (1.019 menos), Primaria 123.987 (2.411 menos), ESO 96.245 (1.284 menos), Bacharelato 34.046 (459 máis) e Educación Especial 1.210, mesma cifra que o curso pasado académico.

Retos por diante

O ensino galego subirá o segundo chanzo da súa modernización emprendida o ano pasado, cando comezaron a mellorar as ratios e numerosos aspectos da estrutura e organización do sistema. Desta volta, o obxectivo é a modernización e renovación de diferentes programas pedagóxicos. Algúns dos principios cambios sitúanse no eido da dixitalización, coa nova Lei de educación dixital en tramitación para afondar nun modelo híbrido que combine o papel e as tecnoloxías para ofrecer a mellor formación posible.

A inclusión, ante a crecente diversidade nas aulas, será outro dos retos, igual que o compromiso colectivo coa mellora permanente da convivencia escolar e a tolerancia cero contra calquera forma de acoso. Así mesmo, a Consellería potenciará a figura do profesorado, a súa autoridade e o seu prestixio como piar esencial do ensino.

Gratuidade do ensino

Será tamén o segundo curso no que será posible acceder á educación de balde desde as escolas infantís ata a Formación Profesional e a universidade, unha medida de apoio ás familias que non existe en ningunha outra comunidade autónoma. O conxunto de apoio ao alumnado incrementou o seu orzamento nos últimos catro cursos un 25 % e chega así a 100.000 novos beneficiarios que, anteriormente, non se acollían a estas axudas.

Data de actualización: 07/09/2025