A Xunta inviste este curso máis de 133 M€ en bolsas e liñas de apoio a alumnos e familias das que se benefician 421.000 estudantes
Rueda salienta que as axudas do Goberno galego abranguen desde a etapa de Infantil ata que un alumno remata a FP ou a universidade
Sinala que o servizo de comedor escolar é o que absorbe a meirande parte do orzamento, seguido dos programas de axudas aos libros e de material escolar
Subliña que as actuacións en marcha cobren mobilidades no estranxeiro, acreditación de diversos idiomas, realización de prácticas ou ensinanzas artísticas, entre outros
No eido universitario cómpre destacar a gratuidade da matrícula, a conxelación de taxas ou o apoio aos doutorandos que están a preparar a súa tese
Tamén se inclúen premios que recoñecen o esforzo por parte dos estudantes
Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico inviste 133,3 millóns de euros este curso escolar en 48 liñas e programas de apoio específicos aos estudantes e ás súas familias con axudas que benefician a uns 421.000 “alumnos e alumnas entre a etapa infantil e a universidade”. Así se desprende do informe sobre bolsas e premios ao estudo que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP presentou hoxe no Consello.
Segundo sinalou o titular do Executivo galego, trátase dun conxunto de accións vixentes que teñen como obxectivo apoiar as familias para afondar na gratuidade do ensino e blindar o sistema galego como o máis equitativos do Estado, no que “un neno ou nena estude de balde desde a educación infantil ata que obteña un grao na universidade”. Precisamente a equidade é un dos principais sinais de identidade do ensino como acredita reiteradamente o informe PISA á hora de valorar ás posibilidades de éxito dun alumno con independencia da súa orixe ou do seu contexto socioeconómico, un eido no que Galicia sobresae en España.
Deste xeito, o Goberno autonómico pon á disposición dos estudantes e das súas familias un completo paquete de accións variadas a través de convocatorias de bolsas e premios que abranguen todas as etapas e idades desde que un alumno ingresa no sistema en 4º de Infantil ata que sae cun título superior, ben sexa de FP ou universitario.
Dentro das distintas liñas de apoio que ten en marcha Educación, Rueda explicou que o servizo de comedor escolar absorbe a meirande parte do orzamento, “con preto de 55 M€ por curso e máis de 67.000 alumnos beneficiados”, dos cales 46.000 son usuarios dos comedores xestionados pola consellería, con prezos conxelados desde hai máis dunha década, e que reciben unha bonificación no prezo do menú en función da renda. Isto permite que sete de cada dez usuarios “empreguen este servizo de balde ou paguen tan só 1 € ao día por menú”, indicou o presidente. Os 21.000 restantes benefícianse das axudas que a consellería concede aos concellos, ás anpas e ás entidades de atención á diversidade a través de diferentes convenios anuais.
Libros de texto e material escolar gratuíto
Outro dos puntos máis destacados a nivel orzamentario é o destinado a proporcionar libros e material escolar de balde ás familias, a través de axudas directas para a compra, dos fondos de préstamo e, desde agora, da nova desgravación fiscal implantada este ano para as familias que, por renda, anteriormente quedaban excluídas das axudas.
Para isto, Rueda destacou que a consellería pon á disposición unha partida de 30,5M€ e unha estimación de 322.000 apoios concedidos, cun forte incremento nos últimos catro cursos, nos cales se reforzaron as medidas de apoio progresivamente aumentando, así, os beneficiarios.
Estadías no estranxeiro
Por outra parte, están en marcha un total de 13 liñas de axudas ás familias para estadías de aprendizaxe de linguas estranxeiras, intercambios escolares con distintos países, campamentos, bonificacións para as acreditacións lingüísticas ou o concesión de premios extraordinarios en recoñecemento ao bo aproveitamento académico e ao “esforzo académico” do alumnado. Todas estas acción aglutinan 4 M€ para máis de 9.200 beneficiados.
No eido da Formación Profesional cómpre destacar axudas específicas aos estudantes de ciclos para realizar formación práctica en centros de traballo, en estadías Erasmus no estranxeiro e tamén en premios extraordinarios ou vencellados ao desenvolvemento de proxectos innovadores como o InnovaTech FP, entre outros. Destes apoios. como premios e estadías tamén se benefician os estudantes de Ensinanzas Artísticas en Galicia.
Gratuidade da universidade
Por último, o presidente salientou o investimento de máis de 38 millóns de euros no eido universitario, subliñando a medida pioneira posta en marcha o pasado curso: a gratuidade da matrícula para estudantes de grao, e tamén de Ensinanzas Artísticas Superiores, así como a conxelación das taxas para graos e másteres. Igualmente, estes estudantes benefícianse das distintas bolsas de apoio para estadías no estranxeiro no verán, axudas complementarias Erasmus, apoio aos titulados en situación de desemprego e predoutorais. Tamén cómpre destacar que se conceden aos mellores expedientes os premios de Fin de Carreira e os Ángela Ruíz Robles á excelencia académica.