Portos de Galicia sinala os principais retos da xestión xunto a representantes de todas as autonomías con competencias portuarias

A Generalitat Valenciana reúne a directivos e técnicos das comunidades costeiras para afondar nas potencialidades e posibles solucións ás problemáticas comúns

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2025

O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez Vidal, participa hoxe e mañá nas Xornadas sobre portos autonómicos que organiza a Generalitat Valenciana nos portos de Denia (Alacante) e Valencia. Este encontro, que dá continuidade ao organizado en 2023 pola Xunta de Galicia en Santiago, reúne a directivos e técnicos das comunidades con competencias en xestión portuaria para afondar nas potencialidades e posibles solucións ás problemáticas comúns que se presentan na xestión diaria.

Entre os aspectos abordados neste encontro, destacan as cuestións referidas á adscrición de terreos portuarios e traspaso de competencias desde a Administración Xeral do Estado ás autonomías; o reto das dragaxes e a problemática da súa urxencia e prazos; a convivencia entre a actividade comercial, pesqueira, industrial e de ocio nos peiraos; o código internacional de seguridade PBIP e a diferencia na xestión das instalacións náuticas a través de clubs e mariñas.

Portos de Galicia participa en dous dos relatorios programados, así como no coloquio xeral. En concreto, as intervencións afondaron na modificación lexislativa que permitiu ampliar os prazos de concesión de xeito excepcional ata os 75 anos así como nas dificultades da tramitación dos informes de compatibilidade coa estratexia mariña do Ministerio de Transición Ecolóxica.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/09/2025