A Xunta é a administración que máis inviste en educación en Vigo ao superar os 300 M€ só este ano
O conselleiro de Educación destaca no Parlamento o compromiso da Xunta coa cidade cun avance constante nas infraestruturas, ratios e profesorado
Román Rodríguez salienta o fito do novo IES Domingo Villar, que será un dos mellores institutos de España, e a renovación de colexios e institutos por 31 M€
Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, subliñou hoxe no Parlamento de Galicia que o seu departamento inviste este ano máis de 300 M€ en educación en Vigo, unha cifra récord para dar a mellor formación aos vigueses e ás viguesas. Este investimento sitúa á Consellería como a administración máis comprometida co ensino nesta cidade.
O titular de Educación destacou o traballo para mellorar de maneira constante as infraestruturas escolares, as ratios de alumnado e a dotación de profesorado, entre outros aspectos. De feito, a Xunta iniciará este outono a construción do novo Instituto Domingo Villar no barrio de Navia, que será un dos mellores de España. Precisamente, este agardado fito é o que motiva, en opinión do conselleiro, que se intente desprestixiar o traballo do Goberno autonómico na rehabilitación dos centros educativos en Vigo.
Porén, os datos amosan un compromiso real coa cidade, onde a Xunta realiza o maior investimento para a mellora de espazos educativos de toda Galicia. En concreto, só no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica posto en marcha no 2021, invístense en Vigo máis de 31 M€ con este fin. Neste sentido, Román Rodríguez convidou ao Concello a facerse responsable das tarefas que lle competen no seu ámbito de competencias como, por exemplo, o mantemento e a conservación dos colexios, entre outras.
Ademais da gran actuación en Navia, a Consellería de Educación desenvolve proxectos que van desde pequenas melloras ata outros de maior envergadura como a substitución das cubertas e rehabilitación dos centros integrados de Formación Profesional Valentín Paz Andrade (1,9M€) e Manuel Antonio (1,5 M€) ou do Colexio Chans de Bembrive.