A delegada territorial da Xunta en Ferrol reúnese coa Escudería As Somozas para estudar vías de colaboración

Ferrol, 10 de setembro de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, reuniuse esta mañá no seu despacho coa presidenta da Escudaría As Somozas, Elena González, para coñecer as actividades e proxectos automobilísticos que está a levar a cabo esta nova asociación deportiva constituída hai menos dun ano.

A entidade, que nace co obxectivo de levar o nome do municipio aos circuítos máis esixentes e cuxos pilotos xa participaron en citas por toda a xeografía galega, organizou o pasado mes de marzo a I Ruta Turística das Somozas. Agora atópase inmersa na organización do IV Slalom Concello das Somozas que terá lugar o derradeiro fin de semana de setembro e para o que procuran o apoio das administracións.

O encontro enmárcase na rolda de contactos que a delegada territorial vén mantendo co tecido asociativo da zona co obxecto de coñecer de primeira man as súas necesidades e demandas relacionadas coa Administración autonómica.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/09/2025