A Administración autonómica impulsou nos tres últimos anos a maior convocatoria de concursos de traslados da Xunta
Entre o 2023 e o 2025 convocáronse 11 procesos, con máis de 9.000 postos ofertados, e catro dos concursos están xa resoltos
As convocatorias de concursos de traslados terán maior periodicidade e realizaranse en coordinación coa resolución dos procesos selectivos, que se convocarán e resolverán en menor prazo
Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2025
A Administración galega impulsou nos tres últimos anos a maior convocatoria de concursos de traslados da Xunta. En concreto, entre o 2023 e o 2025 convocáronse 11 destes concursos, con máis de 9.000 postos ofertados (9.144), e catro dos procesos están xa resoltos.
Así o explicou hoxe o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, en sede parlamentaria, onde afirmou que todos os procesos selectivos que se convocan responden ás necesidades de incorporación de novos efectivos nas distintas escalas da Xunta de Galicia.
Miguel Corgos aclarou que é práctica habitual da Administración ofertar previamente os postos vacantes en concursos de traslados e adxudicar postos con carácter provisional tras superar procesos selectivos, para garantir a axilidade na resolución dos mesmos. Unha vez resoltos os concursos de traslados, nos que as persoas con máis antigüidade se lles valora a súa experiencia para ocupar os postos vacantes, adxudicábanse postos con carácter definitivo, precisou o responsable do Emprego público galego.
Porén, esta práctica habitual viuse alterada debido a unha sentenza xudicial, que afectou a procesos selectivos e a concursos de traslados que estaban convocados.
Compromiso de futuro
O conselleiro de Facenda e Administración Pública asegurou que o concurso de traslados se atopa en “pleno desenvolvemento e avanza coa máxima dilixencia”, para resolvelo á maior brevidade posible, garantindo en todo momento os principios de igualdade, mérito e capacidade.
Miguel Corgos adiantou que o compromiso do Goberno galego é realizar a convocatoria de traslados con maior periodicidade, de forma coordinada coa resolución dos procesos selectivos, que se convocarán e resolverán en menor prazo. Para iso, convocaranse e resolveranse concursos a medida que se vaian producindo as vacantes, e os destinos adxudicaranse con carácter definitivo.
Corgos puxo en valor o importante proceso de transformación e modernización da administración pública que está levando a cabo o goberno galego, co dobre obxectivo de poñer en valor a experiencia do persoal empregado público e de incorporar a persoal altamente cualificado para acometer a remuda xeracional.