Román Rodríguez convida ao Consello Escolar a implicarse para que a Lei de educación dixital abra camiños en Galicia, España e Europa

Destaca a total normalidade no inicio de curso e subliña o bo traballo desenvolvido para que os centros estivesen listos o luns

Avanza que o Consello Escolar terá sede permanente no Museo Pedagóxico de Galicia unha vez rematen as obras de rehabilitación

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse hoxe por primeira vez neste novo curso co Consello Escolar de Galicia, co que analizou o traballo desenvolvido nos últimos meses para garantir a total normalidade no inicio do curso, así como os novos retos ao longo deste ano académico. Así mesmo, aproveitou para comunicar que o Consello Escolar terá sede permanente no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), en Santiago de Compostela, unha vez remate a súa rehabilitación. 

No que atinxe aos retos máis inmediatos, Román Rodríguez destacou a nova Lei de educación dixital, a norma pioneira coa que a Xunta vai regular o uso das novas tecnoloxías nas aulas dos centros educativos. “Trátase dunha norma que vai permitir sentar as bases dos criterios de uso das novas tecnoloxías como ferramenta educativa e da súa convivencia cos métodos tradicionais, fortalecendo o modelo híbrido co que conta o noso sistema educativo”, abondou.

Deste xeito, a norma terá unha relevancia que vai ir máis aló de Galicia, ao tratarse da “primeira lexislación global ao respecto”, dixo o conselleiro. Neste sentido, convidou aos membros do Consello Escolar a implicarse no proceso participativo de elaboración da lei. “É necesario que todos os actores implicados no sistema educativo contribúan coas súas achegas para desenvolver un texto que marcará o futuro do noso alumnado”, sinalou.

Novo decreto de FP

O titular do departamento educativo de Galicia destacou tamén entre as novidades deste curso a publicación, prevista para antes de que remate o ano, do novo decreto de FP “que vai permitir que o modelo de éxito da Formación Profesional galega siga indo un paso por diante, liderando a vangarda do sistema neste eido”. 

Entre outras cuestións salientables, introduce unha figura similar á do profesor asociado na FP e avanza no recoñecemento mutuo de créditos entre estas ensinanzas e a universidade e ábrese a porta á posibilidade de deseñar currículos de carácter internacional, con validez en máis dun país. Ademais, impúlsase a innovación a través do Centro Eduardo Barreiros e da creación de redes de centros de innovación avanzada e poténciase a información e a orientación profesional integral no marco do Plan FPGal360. 

Máis profesores e menos alumnos

No que atinxe ao inicio do curso, o conselleiro sinalou que se producira con normalidade para os máis de 302.843 alumnos que volveron este luns ás aulas, 4.255 menos ca o curso pasado, xunto con 31.756 profesores, a cifra máis alta de docentes da historia en Galicia. 

A este respecto, Román Rodríguez explicou que a caída demográfica non se está a ver reflectida na súa totalidade no sistema educativo grazas ao acordo de mellora asinado entre a Xunta e os sindicatos. Non en balde, a redución progresiva das ratios e dos agrupamentos permitiu conservar en dous cursos case medio millar de aulas que coas ratios anteriores quedarían suprimidas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/09/2025