A Xunta investirá 24.000 euros na adquisición dun respirador con ventilación mecánica para uso pediátrico e neonatal
As empresas interesadas nesta licitación teñen de prazo ata o 30 deste mes para presentar as súas ofertas
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2025
A Xunta vén de publicar no Portal de Contratos Públicos a licitación, por importe de 24.200 euros, do subministro dun respirador con ventilación mecánica para uso pediátrico e neonatal, destinado á Unidade de Neonatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.
As empresas interesadas nesta licitación teñen de prazo ata o 30 deste mes para presentar as súas ofertas.
A ventilación mecánica constitúe unha ferramenta terapéutica esencial no manexo do paciente crítico, especialmente nas unidades de coidados neonatais e pediátricos, xa que o seu emprego permite garantir un adecuado intercambio gaseoso en pacientes con insuficiencia respiratoria aguda ou crónica.
Esta contratación é o punto de partida da renovación progresiva do actual aparataxe deste tipo existente na Unidade de Neonatoloxía, garantindo, deste xeito, a continuidade asistencial e a eficiencia clínica, e mantendo os estándares de calidade e seguridade na atención respiratoria dos pacientes neonatos do Hospital Universitario da Coruña.