A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, visitou os traballos que se desenvolven nesta travesía cuxa titularidade se cedeu ao concello
A Xunta inviste preto de 425.000€ nas obras de acondicionamento e mellora da seguridade da estrada AC-543 ao seu paso por Brión
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas cofinancia esta actuación ao longo de 1,5km do viario ao seu paso polo núcleo urbano que permitirán calmar o tráfico e gañar espazo para as persoas, coa ampliación das beirarrúas en condicións de accesibilidade
Allegue puxo en valor a colaboración entre ambas administracións para abordar esta intervención, que permitirá converter este treito ” nun espazo máis humanizado, moderno e seguro”
Coas obras mellorarase a seguridade viaria nun treito de concentración de accidentes (TCA) que detectara a Axencia Galega de infraestruturas neste ámbito urbano
Brión (A Coruña), 11 de setembro de 2025
A Xunta colabora cun investimento de preto de 425.000€ (423.781€) nas obras de acondicionamento e mellora da seguridade viaria da estrada AC-543 ao seu paso por Brión. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, visitou hoxe os traballos que se desenvolven neste viario, cuxa titularidade cedeu a Xunta ao Concello a través dun convenio.
A través deste acordo asinado entre ambas administracións, a Administración autonómica cofinancia os traballos, que está a executar o Concello. Trátase de obras de humanización deste viario ao longo de 1,5km que permitirán, ademais, de calmar o tráfico, gañar espazo para as persoas coa ampliación das beirarrúas en condicións de accesibilidade, o estreitamento da calzada, a reposición da capa de rodaxe, renovación da sinalización horizontal e reposición dos servizos de alumeado público, saneamento e pluviais que se vexan afectados.
Allegue quixo poñer en valor a “colaboración entre administracións no obxectivo común que é mellorar os servizos e mellorar a vida das persoas”. Sinalou que por este tramo circulan ao día 7.000 vehículos e cos traballos que se están a executar, “converterase nun espazo máis humanizado, moderno e seguro”.
A conselleira subliñou que a seguridade viaria “é absoluta prioridade” para a Xunta e con estes traballos na AC-543 mellorarase a seguridade viaria do treito de concentración de accidentes (TCA) que detectara a Axencia Galega de Infraestruturas neste ámbito urbano. De xeito paralelo, a Administración autonómica está a executar a mellora de accesibilidade e conexión de 6 paradas de autobús neste treito urbano.
Por outra banda, Allegue lembrou que a Xunta ten aberto ata mañá venres o prazo de presentación de ofertas para a execución das obras de conversión en autovía de 4,9km da estrada Brión-Noia, por un importe de licitación de 11,2M€. Estes traballos desenvolveranse desde Brión ao enlace de Urdilde, en Rois. A previsión da Xunta é ter adxudicadas as obras a finais de ano para iniciar o antes posible os traballos.