A Xunta de Galicia reforza a colaboración coa Junta de Andalucía en materia de emigración e retorno
O secretario xeral da Emigración mantivo hoxe un encontro de traballo en Sevilla co director xeral de Andalucía Global
Sevilla, 11 de setembro de 2025
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo hoxe en Sevilla unha reunión de traballo co director xeral de Andalucía Global, Jorge Vázquez Calderón, co obxectivo de afondar na colaboración entre ambas comunidades autónomas no ámbito da atención á diáspora e ás persoas retornadas.
Durante a reunión, Miranda puxo en valor o papel fundamental que Galicia e Andalucía desenvolven no acompañamento ás súas colectividades no exterior, así como no apoio aos cidadáns que deciden regresar aos seus lugares de orixe. Destacou así mesmo a necesidade de seguir compartindo experiencias e boas prácticas que permitan mellorar os programas e servizos ofrecidos ás comunidades galega e andaluza no mundo.
Así mesmo, o secretario xeral sinalou a importancia de manter unha coordinación estreita entre administracións que comparten retos semellantes, non só no eido da emigración e do retorno, senón tamén na proxección exterior da cultura e da economía. Neste sentido, comprometeuse a continuar traballando conxuntamente para reforzar a visibilidade das súas comunidades no ámbito internacional e estreitar os vencellos históricos que unen Galicia e Andalucía.