A Xunta dá a benvida aos novos integrantes da Rede de Formación do Profesorado
Renóvase a dirección dos centros de Ferrol, Lugo, Ourense e Vigo coincidindo coa entrada en vigor do novo decreto para actualizarse aos retos do ensino actual
Ponse tamén en marcha a dixitalización do procedemento dos Equipos de Orientación Específicos como parte das medidas para reducir a burocracia
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2025
A Xunta deu hoxe a benvida aos novos membros da Rede de Formación Permanente do Profesorado, ámbito no que vén de entrar en vigor un novo decreto aprobado o pasado verán. O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, reuniuse esta mañá cos novos asesores e directores dos Centros de Formación e Recursos, responsables de organizar, planificar a formación ao longo do ano. En concreto estréanse como directores Miguel de Castro (Ferrol), Carlos Carballo (Lugo), Nuria Diéguez (Ourense) e Rafael Sánchez (Vigo).
O representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou que o Plan de formación do profesorado medra este ano en case un 10%, cun total de 6.381 actividades, 135.299 horas e 133.699 prazas. “Estades diante dun gran reto: reforzar as competencias que os docentes precisan para dar resposta aos novos desafíos do ensino do século XXI en eidos como o modelo híbrido ou a intelixencia artificial, e estamos seguros de que daredes o mellor de vós nesta tarefa”, afirmou o director xeral.
Pola súa banda, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, reuniuse tamén hoxe cos coordinadores dos Equipos de Orientación Específicos para a posta en marcha do proceso de axilización do procedemento que rexe a súa intervención. Este trámite vén de dixitalizarse, a través do Plan para a simplificación das tarefas burocráticas nos centros educativos aprobado este verán.
Tal e como explicou, “isto vai permitir que os centros soliciten a intervención dos equipos de orientación provinciais dun xeito máis áxil e rápido, reducindo a burocracia”. Mañá mesmo remitirase unha comunicación aos centros informando da entrada en funcionamento deste novo sistema, unha das primeiras medidas do novo plan.
Apoio ás condicións do profesorado
Deste xeito, o Goberno galego continúa avanzando no proceso de melloras das condicións do profesorado, tanto no que atinxe á mellora das dúas competencias docentes, como á simplificación das tarefas administrativas que desenvolven.