A Xunta súmase ao recoñecemento ao labor das agrupacións de voluntarios de Protección Civil no concello de Cangas

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, asistiu ao acto de entrega de distincións a institucións e persoas que colaboran na Protección Civil no marco da celebración do patrón da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil 

Cangas (Pontevedra), 13 de setembro de 2025

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe en Cangas no acto de distinción a institucións e persoas que colaboran na Protección Civil. O evento desenvolveuse no marco da celebración do patrón da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) desta localidade pontevedresa.

A Xunta pon así de manifesto o seu recoñecemento ao labor dos servizos de emerxencias dos concellos, un apoio que tamén se materializa cada ano con axudas ao seu funcionamento e en equipamento. O obxectivo é que estes efectivos conten cos recursos precisos para desenvolver o seu traballo a prol da seguridade e o benestar cidadá nas mellores condicións.  

Para garantir un desenvolvemento eficaz do seu traballo, a Xunta apoia as AVPC a través de diferentes liñas de axuda. Unha delas céntrase no apoio específico para a dotación de material, que supuxo nos últimos anos un investimento de case 15,4 millóns de euros no conxunto de Galicia e a entrega de máis de 1.500 dotacións, como vehículos, embarcacións, equipos de excarceración ou kits de ferramentas, entre outros. Así, a través da orde de concesión de material de 2025, cederanse 35 kits de material loxístico de seguridade viaria, 32 kits de ferramentas eléctricas para a atención a emerxencias e 10 tendas de campaña para emerxencias a concellos galegos que conten con AVPC.

Esta medida súmase á liña anual destinada ao mantemento da súa actividade, que neste exercicio se incrementou a 370.000 euros e que só este ano beneficiou preto de 200 colectivos. A formación é outro dos piares do apoio do Goberno galego ás AVPC, con cursos específicos impartidos a través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).

Canto ao apoio á AVPC de Cangas en achegas económicas e dotacións nos últimos anos,  a contía supera os 200.000 euros. Entre o equipamento máis recente entregado cómpre sinalar un kit de ferramentas eléctricas, material loxístico de seguridade viaria, un equipo de excarceración ou o cofinanciamento dun vehículo autobomba.

Data de actualización: 13/09/2025