A directora xeral de FP viaxa a Dinamarca para animar os tres alumnos galegos no campionato Euroskills
Laura Pereira, do CIFP Manuel Antonio de Vigo; María Bazar, do CIFP Paseo das Pontes da Coruña, e Ezequiel Soto, do IES San Clemente de Santiago, representan a Galicia neste certame continental
Herning (Dinamarca), 12 de setembro de 2025
A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, asistiu hoxe ao campionato europeo de FP Euroskills que se está celebrando en Herning (Dinamarca) para apoiar os tres alumnos galegos que representan á nosa Comunidade. Estes mozos, en palabras da representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, están “amosando o gran nivel da FP galega e a calidade das nosas ensinanzas”.
Nesta edición da olimpíada, na que se desenvolven hoxe as competicións, participan Laura Pereira, do Centro Integrado de FP Manuel Antonio de Vigo, que compite na modalidade de Recepción hoteleira; María Bazar, do Centro Integrado de FP Paseo das Pontes da Coruña, en Panadaría, e Ezequiel Soto, do Instituto San Clemente de Santiago, que o fai en Desenvolvemento web. “Están a demostrar hoxe aquí o moito que transmite a Formación Profesional e os seus docentes ao alumnado que se forma na ampla variedade de oferta formativa”, destacou Eugenia Pérez.
600 alumnos de 33 países
O campionato, centrado nun “futuro máis verde”, concluirá mañá o encontro coa entrega de premios. En Euroskills están a competir máis de 600 mozos de 33 países europeos. Todos eles optarán ás medallas do certame en 38 habilidades diferentes.
Galicia participa activamente desde o ano 2007 nas distintas edicións das competicións nacionais e internacionais de Formación Profesional, Spainskills, Worldskills e Euroskills. Ademais, desde o ano 2012 organízase o campionato autonómico, Galiciaskills.
Precisamente, no mes de outubro desenvolverase en Silleda unha nova edición do campionato Galiciaskills 2025 para seleccionar aos integrantes do equipo galego que representarán á Comunidade galega en Spainskills no mes de febreiro de 2026.