O programa Xuventude Crea 2025, que repartirá máis de 70.000 euros, mantén aberto o seu prazo de inscrición en busca do talento artístico
A delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, presentaron a iniciativa en Vigo
As inscricións poden facerse ata o día 29 deste mes de setembro preferiblemente a través da sede electrónica da Administración Autonómica
Vigo, 15 de setembro de 2025
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, presentaron o programa Xuventude Crea, unha iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude que ten aberto o seu período de inscricións ata o día 29 deste mes a través da sede electrónica da Administración Autonómica.
Ortiz destacou que se trata dunha nova oportunidade para que os mozos e mozas de entre 16 e 30 anos poidan mostrar o seu talento artístico. “O certame pretende estimular e apoiar a imaxinación, a creatividade e a innovación, ademais de actuar como estímulo económico para a xuventude, porque a Xunta aposta por darlle aos participantes na iniciativa unha maior visibilidade, promoción e oportunidades no sector, incidindo na mellora da proxección do talento da mocidade e mantendo a finalidade de estimular e apoiar a imaxinación, a creatividade e a innovación”, destacou a representante autonómica.
Pola súa banda, Lara Meneses lembrou que, dende a súa creación, “participaron neste certame máis de 5.300 mozos e mozas con case 4000 obras e proxectos creativos e repartíronse 633 premios por importe de 966.050 euros e máis de 80 mencións de honra”.
Xuventude Crea 2025: 16 categorías
O Xuventude Crea 2025 contará con 16 categorías, entre elas: artes plásticas (modalidades de pintura e escultura), arte urbana, banda deseñada, cociña, creación de contido, creación de videoxogos, danza moderna, deseño de xoias, DJ, fotografía, moda, música, novela curta, poesía, teatro e videocreación.
Por cada categoría, os premios económicos serán de 2.000€ para o primeiro, 1.500€ para o segundo e 1.000€ para o terceiro. Ademais, haberá un premio especial de 1.000€ para a modalidade de música clásica na categoría de música e poderanse outorgar mencións de honra a aquelas obras que consigan chegar á fase final.
Ademais do premio económico, os gañadores terán a posibilidade de entrar na selección dun programa de formación e mentorizaxe para poñer en marcha o seu proxecto empresarial, ademais de participar en importantes eventos de referencia no sector artístico tanto de carácter autonómico, nacional e internacional onde poderán expoñer as súas obras e difundir o talento da mocidade galega.