Rueda anuncia que a Xunta inicia os trámites para a aprobación da futura Lei galega de acoso e violencia dixital
Destaca que a nosa Comunidade será a primeira en contar cunha lexislación específica neste ámbito para previr e apoiar as vítimas, que son maioritariamente menores, mulleres e persoas LGTBI
A conselleira sinalou que se prevé a posta en funcionamento dun novo servizo para a eliminación daquel material dixital accesible en rede que se usou como instrumento de acoso ou de violencia dixital
Santiago de Compostela, 15 de agosto de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego iniciou os trámites para aprobar a futura Lei galega de acoso e violencia dixital. Segundo sinalou, o Consello deu luz verde ao proxecto de acordo de inicio e consulta pública previa do anteproxecto da Lei.
Rueda apuntou que o obxectivo desta norma é a adopción de medidas específicas fronte a un tipo de violencia “cada vez máis presente” con motivo da expansión do uso das novas tecnoloxías da información e da comunicación, como a internet ou as redes sociais.
O titular do Executivo galego destacou que, deste xeito, Galicia será “a primeira comunidade autónoma” en contar cunha lexislación específica destas características, coa que se queren combater violencias como o ciberacoso ou ciberbullying ou a violencia sexual, que supón o envío non consentido de mensaxes de contido sexual ou a difusión non consentida de material sexual. Unha violencia da que son obxecto, de maneira maioritaria, menores, mulleres e persoas LGTBI.
Tal e como sinalou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, concretamente no caso das mulleres, a Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero de 2007 xa recolle como violencia de xénero “a violencia dixital ou en liña contra as mulleres”. Precisamente, o anteproxecto de lei abordado esta mañá polo Executivo autonómico ten por finalidade definir os conceptos de acoso e violencia dixital, fixar os principios de actuación, establecer medidas de prevención, sensibilización, prevención e detección, posibilitarlle a formación na materia ao persoal da Xunta de Galicia e das forzas e corpos de seguridade, e artellar medidas de protección e apoio ás vítimas.
Para a elaboración deste texto lexislativo, a conselleira destacou que a Xunta tivo en conta a experiencia de diversas entidades, como por exemplo a Asociación Stop Violencia de Xénero Dixital, organización que leva moitos anos traballando neste campo.
Medidas
Fabiola García salientou que entre as propostas que se prevén nesta normativa está a posta en funcionamento dun servizo de borrado da pegada dixital. Esta medida trata de facilitar a eliminación do material dixital accesible en rede que se usou como instrumento de acoso ou violencia dixital, favorecendo a restauración da reputación dixital.
Outra medida é a creación dun espazo virtual, onde as vítimas poderán recibir asesoramento gratuíto para previr outros ataques ou supostos de violencia dixital. A finalidade é que as vítimas saiban reaccionar e tomen as medidas necesarias ante o acoso e as violencias que sofren a través dos seus ordenadores, teléfonos móbiles, tabletas ou calquera outro dispositivo.
Así mesmo, a conselleira sinalou que se desenvolverán programas psicopedagóxicos de intervención especializada en adicións ás novas tecnoloxías dirixidos a menores e ás súas familias. Tamén se implantarán máis medidas de prevención e sensibilización no ámbito educativo, tanto na etapa de secundaria como no ensino universitario. Para isto poranse á disposición do alumnado ferramentas para poder denunciar calquera acción de violencia dixital, incluídos medios telemáticos ou dixitais.
Consulta pública
Tras o seu paso polo Consello, o anteproxecto de lei sométese desde mañá, día 9 de setembro, e durante un período de 15 días á consulta pública previa, co obxecto de recoller as achegas da cidadanía e das organizacións e asociacións máis representativas potencialmente afectadas pola futura norma.
Esta iniciativa reforza o compromiso da Xunta na prevención, a axuda e a protección ás vítimas, que na nosa Comunidade contan con recursos habitacionais, a través dunha rede de vivendas de acollida por todo o territorio, con máis de 80 prazas; centros de Información á Muller (CIM), que dan servizo a 200 concellos; axudas económicas directas e periódicas, atención xurídica e psicolóxica gratuíta e programas que fomentan a inserción laboral.