A Xunta destaca o gran momento que atravesa o baloncesto feminino galego durante a presentación da XXXVIII Copa Xunta de Galicia

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá en Narón na presentación da fase final desta competición que se disputará os días 19 e 20 no pavillón polideportivo da Gándara

As semifinais disputaranse entre o Durán Maquinaria Ensino e o Maristas Coruña -clasificado da rolda previa- e o Baxi Ferrol e o Celta Femxa Zorka

Narón (A Coruña), 15 de setembro de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na presentación da XXXVIII Copa Xunta de Galicia sénior feminina de baloncesto, cuxa fase final disputarase os próximos días 19 e 20 de setembro no pavillón da Gándara, en Narón.

Aneiros referiuse á competición como “un auténtico reto de pretemporada e espazo de aprendizaxe que axuda aos equipos a medir forzas, a crecer e a ilusionar á afección” e destacou o bo momento que está a atravesar o baloncesto feminino “con dous equipos competindo esta temporada na máxima categoría nacional, o Ensino Lugo e o Baxi Ferrol” ou o logro histórico acadado por este último ao chegar á final da Eurocup feminina este mesmo ano.

Uns fitos que, como indicou, veñen tamén avalados polas cifras. “A pasada temporada alcanzáronse ás 6.810 licenzas femininas, un número que crece ano tras ano”, explicou, e reiterou unha vez máis o compromiso da Xunta co deporte galego “en todas as súas vertentes: apoiando ás federacións, ás entidades e aos clubs; favorecendo o deporte de base e a igualdade”.

Antes da presentación oficial, procedeuse ao sorteo dos emparellamentos para as semifinais que enfrontarán ao Maristas Coruña -vencedor da rolda clasificatoria- co Durán Maquinaria Ensino -venres 19 ás 18.30 horas- e ao Baxi Ferrol co Celta Femxa Zorka -venres 19 ás 21.00 horas-. A final terá lugar o sábado, ás 20,00 horas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/09/2025