A Xunta súmase á conmemoración do 25 aniversario da Domus do Mitreo cun coloquio na USC
Lugo, 17 de setembro de 2025
O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, participou hoxe no coloquio Os mitreos en ambientes domésticos, organizado pola Universidade de Santiago (USC) no Campus de Lugo con gallo do 25 aniversario do descubrimento da Domus do Mitreo. O encontro, que reúne a unha ducia de especialistas procedentes de universidades de toda España e de Europa, permitirá a publicación dunha monografía científica destinada a converterse nunha referencia fundamental para a investigación sobre esta temática no eido patrimonial.
A actividade está organizada polo Campus Terra da USC, recentemente renovado pola Xunta de Galicia como Campus de Especialización por catro anos máis, recoñecemento que supón un novo investimento superior a 4 M€. Esta acreditación reflicte o compromiso da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional coa formación, a captación de alumnado, técnicos e investigadores e a consolidación de Lugo como un referente científico e social en ámbitos relacionados coa sustentabilidade económica, social e medioambiental dos recursos da terra.