A Xunta formaliza a venda das dúas últimas parcelas dispoñibles no parque empresarial de Silleda

O Goberno galego está a impulsar a creación de novo solo industrial nas comarcas do Deza e Tabeirós coa ampliación dos polígonos de Lalín 2000 e Toedo (A Estrada)

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2025

A Xunta de Galicia vén de formalizar a través da Sociedade Xestión do Solo de Galicia (Xestur), a venta das dúas últimas parcelas dispoñibles no parque empresarial pontevedrés de Silleda que ten unha capacidade total de 289.495 m2.

En concreto, a adxudicación destas parcelas que suman unha superficie de 5.031 metros cadrados, e que contaban cunha bonificación no seu prezo de venda do 50 %, fíxose a unha empresa especializada en reciclaxe de pezas de automoción.

Deste xeito, a Xunta avanza na súa estratexia de favorecer a implantación de empresas, facilitando o acceso a solo industrial en condicións vantaxosas e cos servizos necesarios para desenvolver a súa actividade.

Asemade, o Goberno galego está a desenvolver outros parques empresariais en toda Galicia para crear un tecido empresarial forte e competitivo, dotándoo de máis solo empresarial e coa base nun modelo de desenvolvemento industrial ordenado, eficiente e respectuoso co medio ambiente, que atraia investimentos, favoreza a creación de emprego e garanta o equilibrio territorial.

Lalín 2000 e Toedo

Neste sentido, na contorna de Silleda está en marcha a ampliación do parque empresarial Lalín 2000, que suporá contar con 313.497 m2 máis de solo; e a ampliación do polígono industrial de Toedo situado na Estrada, cuxo plan de ordenamento foi aprobado a semana pasada polo Consello da Xunta e que permitirá incrementar en 156.685 m2 a súa capacidade actual.

No caso da provincia de Pontevedra tamén se encontran actualmente en tramitación os instrumentos de ordenación dos parques empresariais de Fragamoreira (Poio), a ampliación do parque empresarial do Campiño, o de Louredo (Mos-Redondela), a ampliación do Pousadoiro (Vilagarcía de Arousa) e a ampliación da MI da PLISAN (Salvaterra-As Neves). Ademais, encontrase en tramitación o proxecto de reurbanización da Central de Transportes e Terminal Intermodal de Ponte Caldelas.

En definitiva, actualmente encóntrase en tramitación coas distintas actuacións case tres millóns de metros cadrados de solo empresarial na provincia de Pontevedra e que nos vindeiros anos porase á disposición das empresas.

Data de actualización: 17/09/2025