Lete Lasa destaca o EncestaRías como a gran festa do baloncesto nacional e europeo e subliña a importancia do torneo feminino en Vilagarcía
Tres equipos de Euroliga e o mellor equipo galego -Saski Baskonia, Valencia Basket, Real Madrid e Río Breogán- consolidan a aposta do EncestaRías polo mellor baloncesto do continente
Destaca o excelente momento do baloncesto galego, protagonista nos recentes éxitos como o subcampionato de Europa feminino, ou do campionato mundial masculino de 3x3
Pontevedra, 17 de setembro de 2025
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, vén de participar na mañá de hoxe na presentación do X Torneo EncestaRías que terá lugar no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra do 19 ao 20 de setembro e no que participarán tres equipos de Euroliga -o Saski Baskonia, o Valencia Basket e o Real Madrid-, así como o equipo galego que milita na máxima división nacional, o Río Breogán. Neste sentido, Lete Lasa asegurou que o Torneo EncestaRías representa “o mellor do baloncesto non só nacional, senón tamén europeo”.
Nas súas verbas, Lete Lasa destacou que, despois da edición de 2024 que contou cun excelente nivel e cun Dream Game disputado entre o Real Madrid e o Mónaco, os organizadores do EncestaRías lograron manter as expectativas e consolidar a aposta polo mellor baloncesto do continente. O mandatario galego gabou o esforzo do torneo ao longo de tantos anos e identificouno como parte esencial do baloncesto galego que leva colleitando éxitos dende a prata de Fernando Romay en Los Ángeles 1984. Ao fío desta idea lembrou tamén a prata que a selección española feminina vén de acadar no Eurobasket do pasado mes de xuño con gran protagonismo galego: tres xogadoras -Raquel Carrera, Paula Ginzo e María Araújo-; o adestrador principal, Miguel Méndez: a segunda adestradora, Cristina Cantero; o preparador físico, Óscar Viana; e o fisioterapeuta, Tomás Richartz. Asemade, recordou tamén o campionato do Mundo de 3x3 acadado por Carlos Martínez en xullo.
Por todos estes motivos, o secretario xeral destacou a importancia maiúscula dese I Torneo EncestaRías Women que se disputará no pavillón Sara Gómez de Vilagarcía o vindeiro 28 de setembro, unha semana despois de que se dispute a Copa Xunta de Galicia feminina que terá lugar este venres e sábado en Narón. No torneo feminino do EncestaRías mediranse o Ensino Lugo e o Barcelos Portugués, ambos nas máximas categorías dos seus países; e, pola outra, o Cortegada e o Maristas Coruña que a tempada pasada estiveron a piques de ascender á Liga Feminina Challenge.