A delegada da Xunta en Ferrol saúda no centro sociocomunitario da Praza de España aos asistentes a unha charla sobre nutrición
Ferrol, 17 de setembro de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, deu esta tarde a benvida no centro sociocomunitario da praza de España aos asistentes a unha charla sobre nutrición organizada polo Concello de Ferrol, onde reiterou o compromiso da Xunta coas propostas que fomenten un estilo de vida saudable.
A actividade, impartida pola nutricionista Almudena Seijido baixo o título “Unha alimentación saudable sen dietas é posible”, enmárcase no programa deseñado polo Concello ao abeiro da novena edición da Fin de Semana Mundial do Benestar. Trátase dun evento a nivel mundial que se desenvolve cada ano a terceira fin de semana de setembro e ao que Ferrol se incorpora ofrecendo actividades gratuítas coma esta para promover o benestar físico e mental.