O conselleiro de Sanidade, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña e o xerente do Servizo Galego de Saúde, visitou hoxe Unidade Central de Radiofarmacia de Galicia, que distribúe desde Ordes a toda a comunidade monodoses destes medicamentos
Gómez Caamaño anuncia o inicio da produción en Galicia dun novo radiofármaco que facilita o diagnóstico de precisión do cancro de próstata avanzado
O conselleiro detalla que a finais deste mes a Unidade Central de Radiofarmacia estará en condicións de abastecer de xeito regular a todos os hospitais do Servizo Galego de Saúde este fármaco
Subliña que a unidade galega é un referente nacional na produción de doses de radiofármacos para exploracións diagnósticas e terapéuticas avanzadas
Refire que esta unidade foi optimizando o seu rendemento ata chegar a producir máis de 32.500 doses no pasado ano, o que supón distribuír de media 130 doses de radiofármacos para diagnóstico avanzado nos hospitais galegos
Ordes (A Coruña), 18 de setembro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciou hoxe o inicio da produción en Galicia dun novo radiofármaco que facilita o diagnóstico de precisión do cancro de próstata avanzado.
O titular da carteira sanitaria fixo este anuncio no transcurso da súa visita á Unidade Central de Radiofarmacia de Galicia, emprazada no concello coruñés de Ordes, na que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, e polo xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada.
Tal e como detallou o conselleiro, durante o mes de agosto e os primeiros días de setembro puideron subministrarse as primeiras doses do radiofármaco, e a finais deste mes a unidade galega estará en condicións de abastecelo de xeito regular a todos os hospitais do Servizo Galego de Saúde.
Na súa visita, Gómez Caamaño dixo desta unidade da sanidade galega erixiuse, nos seus 25 anos de historia, nun referente nacional na produción de doses de radiofármacos para exploracións diagnósticas e terapéuticas avanzadas e, ademais, cun enorme valor clínico no campo da medicina nuclear.
Dende estas instalacións elabóranse e distribúense baixo demanda as monodoses de radiofármacos para os oito servizos de medicina nuclear dos hospitais galegos, ademais de xestionarse os residuos que producen.
Gómez Caamaño explicou que esta unidade foi optimizando o seu rendemento ata chegar a producir máis de 32.500 doses no pasado ano, o que supón distribuír de media 130 doses de radiofármacos para diagnóstico avanzado nos hospitais galegos.
A produción destes radiofármacos ten un impacto moi positivo no sistema sanitario, posto que permite diagnósticos máis temperáns e precisos, especialmente en tumores, patoloxías cardíacas e enfermidades neurodexenerativas como o Alzhéimer.
Produción centralizada
O titular da carteira sanitaria incidiu en que contar cun centro unificado supuxo homoxeneizar a produción e multiplicar as garantías de seguridade na elaboración de compostos radioactivos que antes se producían en cada hospital, o que aumentaba a variabilidade nos procedementos.
Ademais, grazas á produción centralizada, baixan os custos e garántese un acceso igualitario para todos os pacientes da rede pública de hospitais.
Así, a Unidade Central de Radiofarmacia de Galicia é o único provedor centralizado de radiofármacos convencionais para o Servizo Galego de Saúde. Esta central prepara, practicamente á medida, preto de 40 radiofármacos diferentes, en monodoses personalizadas segundo o paciente e a patoloxía.
Todo este traballo non sería posible -rematou o conselleiro- sen o labor realizado polos técnicos e radiofarmacéuticos desta unidade, e agradeceu especialmente o labor do seu responsable, Joaquín Castillo.