O Servizo Galego de Saúde incorpora unha nova unidade móbil de resonancia magnética de alto campo para prestar servizo en Vigo
A sanidade pública galega amplía ata catro o número de equipos móbiles que garanten a calidade asistencial e un maior confort para os pacientes
A súa alta demanda, con máis de 8.300 resonancias por equipo e ano, fixo necesaria a incorporación dunha nova unidade, que comezará a prestar os seus servizos no Hospital Meixoeiro
Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2025
O Servizo Galego de Saúde vén de incorporar unha cuarta unidade móbil de resonancia magnética de alto campo. A nova Unidade de Diagnóstico por Imaxe comeza a prestar os seus servizos esta mesma semana no Hospital Meixoeiro de Vigo.
O novo equipamento permite realizar todo tipo de estudos de resonancia, desde os máis sinxelos aos máis complexos, co mesmo nivel de calidade que os equipos fixos instalados nos centros hospitalarios, evitando o desprazamento dos pacientes.
A nova unidade dispón de dúas cabinas de vestiario para os pacientes, así como unha maior amplitude do espazo no que se adquiren as imaxes, que presenta un diámetro de 70 centímetros, ofrecendo un maior confort aos usuarios.
Coa súa incorporación, refórzase unha modalidade asistencial única e pioneira no sistema sanitario público español desde 2006, poñendo ao servizo da poboación galega a última tecnoloxía en resonancia magnética, achegándoa aos domicilios dos pacientes e garantindo unha atención máis áxil, flexible e racional a unha demanda dispersa, cunha alta calidade asistencial.
A actividade anual supera as 8.300 resonancias por equipo, polo que a alta demanda deste tipo de probas diagnósticas fixo necesaria a incorporación dun cuarto equipo.
Priorízanse as actuacións nos sete hospitais comarcais
Segundo explica a xefa de servizo da Unidade de Diagnóstico por Imaxe, Mercedes Arias, “a Consellería de Sanidade planifica as rutas das unidades móbiles en coordinación cos hospitais comarcais”, que tamén “posibilitan a cobertura das necesidades de calquera dos hospitais públicos galegos en caso de picos de demanda”.
As unidades móbiles priorizan a realización de estudos de resonancias magnéticas dos sete hospitais comarcais de Galicia, permitindo reducir os desprazamentos innecesarios dos pacientes e garantindo unha atención diagnóstica de alta calidade cun tempo medio de espera inferior a 30 días en todos eles.
Así mesmo, tamén se reforzou a colaboración cos hospitais de Vigo, Pontevedra, A Coruña e Lugo, onde se levaron a cabo máis de 11.000 estudos ao longo de 2024, cubrindo a totalidade das probas incluídas no catálogo da Sociedade Española de Radioloxía Médica. Sobre este particular, destaca o aumento na demanda de probas complexas, como é o caso da resonancia magnética de próstata, con preto de 700 estudos realizados.
Do mesmo xeito, continúase a colaborar co Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol na elaboración de informes de resonancia, unha iniciativa que este ano se estendeu ao Hospital Público da Mariña, superando os 5.000 informes de resonancia en 2024. A medida permite maximizar a capacidade dos equipos instalados nos hospitais públicos de Galicia e reducir os tempos de espera para os pacientes.
A Unidade de Diagnóstico por Imaxe conta coa Certificación de Calidade en ISO 9001, acadando, en 2025, os 22 anos interrompidos desta cualificación.