A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asistiu esta tarde a unha recepción institucional na Embaixada de España en Xapón
A Xunta avoga por seguir fortalecendo as relacións comerciais con Xapón, que cada vez máis se consolida como un mercado fixo para as empresas galegas
Na recepción participaron tamén empresas galegas establecidas no país, como Adolfo Domínguez, Coren ou Trison, e compañías xaponesas con sede en Galicia
Destaca que se consolida á alza a porcentaxe de empresas galegas con exportacións fixas a Xapón, que pasou do 38 % en 2024 ao 44,5 % no que vai de 2025 (69)
Tokio (Xapón), 18 de setembro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avogou hoxe por seguir fortalecendo as relacións comerciais entre Galicia e Xapón; un destino, dixo, ao que cada vez exporta de forma regular unha porcentaxe maior de empresa galegas.
Lorenzana asistiu hoxe a unha recepción institucional na Embaixada de España en Xapón na que participaron, tamén, empresas galegas establecidas no país como Adolfo Domínguez, Coren ou Trison, e compañías xaponesas con sede en Galicia. A todas elas, a conselleira trasladoulles todo o apoio do Goberno galego para seguir estreitando as relacións económicas entre Galicia e Xapón e atopar novas oportunidades de negocio e expansión nese mercado.
A conselleira destacou que de xaneiro a xuño de 2025 foron 155 as empresas galegas que exportaron ao país nipón, cun 44,5 %, case a metade, que o fai xa de forma regular. Isto significa que se consolida á alza a porcentaxe de empresas galegas con exportacións fixas a Xapón, que pasou do 38 % en 2024 ao 44,5 % no que vai de 2025 (69).
Por sectores, o principal sector exportador é o da automoción, que en 2024 mobilizou 59,9 M€ e, ata xuño deste ano, 36,6 M €. É un sector que, entre 2019-2023 rexistrou un aumento do 613 %, o que o converte nun dos que acadou un maior crecemento. Síguelle o da alimentación, con 33,5 M€ en 2024 e 15,6 M€ nos seis primeiros meses deste ano. E, en terceira posición, está o sector das industrias químicas que, precisamente, rexistrou un pico exportador en 2024 (5,8 M€), un 68,1 % superior a 2023.