Galicia aposta por unha senda de gasto que garanta o financiamento dos servizos públicos e as políticas de investimento
O conselleiro de Facenda e Administración Pública inaugurou hoxe as VIII Xornadas de Coordinación das Intervencións Xerais das CC.AA. e da IGAE
Miguel Corgos salientou que a estabilidade do Goberno galego achega certezas á cidadanía e ás empresas
A Coruña, 18 de setembro de 2025
Galicia aposta por unha senda de gasto que garanta o financiamento dos servizos públicos e as políticas de investimento. A Xunta pon a estabilidade política e institucional ao servizo da cidadanía galega, para contribuír a un crecemento sostible a partir do fomento dos sectores produtivos e a mellora do benestar da sociedade galega.
Así o manifestou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, quen salientou que a estabilidade do Goberno galego achega certezas á cidadanía e ás empresas. O conselleiro participou na inauguración das VIII Xornadas de Coordinación das Intervencións Xerais das CC.AA. e da IGAE, nas que tamén concorre como relatora a Interventora Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, Almudena Chacón.
Miguel Corgos puxo en valor os efectos positivos dos investimentos públicos sobre o benestar da cidadanía, así como a axilidade do pago aos provedores. Tamén explicou que para o mantemento da estabilidade que caracteriza á Comunidade galega é primordial que o peso dos recursos propios nos orzamentos sexa cada vez maior, ademais dunha xestión responsable e prudente da política de endebedamento.
Galicia non ten un problema de débeda, advertiu, senón que precisa un maior financiamento. A alta dispersión da poboación e o elevado envellecemento fan que a Comunidade galega precise 500 millóns de euros máis ao ano para unha correcta prestación dos servizos públicos, segundo o conselleiro de Facenda e Administración Pública.
Adaptación das regras fiscais ao marco europeo
Para o responsable da Facenda galega, Galicia é unha comunidade autónoma recoñecida por cumprir as normas de estabilidade orzamentaria e por apostar pola sostibilidade das finanzas públicas. Porén, as novas regras fiscais aprobadas o ano pasado na Unión Europea, deseñadas para canalizar as finanzas dos Estados membros cara niveis de débeda sostibles, non foron traspasadas aínda á normativa nacional, polo que as Comunidades Autónomas non coñecen aínda como se van aplicar no conxunto de España e como se vai repartir a regra de gasto entre os diferentes niveis de administración.
Modelo propio
O conselleiro de Facenda e Administración Pública ponderou as vantaxes do que chamou “Estilo Galicia”, que mestura o reforzo continuo dos servizos públicos, como a sanidade, a educación e os servizos sociais, cunha fiscalidade competitiva que permite aprobar rebaixas selectivas de impostos adaptadas á conxuntura económica. Tamén recordou que o Goberno galego está a traballar xa na elaboración dos Orzamentos para 2026, para aprobalos e entregalos ao Parlamento en prazo e que entren en vigor o 1 de xaneiro do vindeiro ano.