A Xunta destaca o papel das aulas CeMIT como espazos de proximidade para a capacitación dixital, a experimentación tecnolóxica e a cohesión comunitaria

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, visitou a Aula CeMIT de Tui, na que se imparte a edición do programa 'Tech Kids: Argallando entre xeracións'

Tui (Pontevedra), 5 de agosto de 2026

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe o papel das aulas CeMIT como espazos de proximidade para a capacitación dixital, a experimentación tecnolóxica e a cohesión comunitaria.

Durante unha visita á Aula CeMIT de Tui, na que se está a impartir unha nova edición do programa Tech Kids: Argallando entre xeracións, Corgos puxo en valor o feito de que mozos e maiores compartan un mesmo espazo de traballo e lecer empregando as novas tecnoloxías. “Esta é a razón que nos levou a crear durante estes meses de verán, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, esta actividade de aprendizaxe, experimentación e colaboración entre diferentes xeracións, onde os máis mozos poden desenvolver competencias dixitais avanzadas e, ao mesmo tempo, compartir estes coñecementos e experiencias cos maiores”, dixo, destacando que esta edición incorpora unha fase posterior á formación nas aulas na que os proxectos desenvolvidos poderán presentarse en centros cívicos, centros de dia de maiores, asociacións e outros recursos comunitarios, como as propias aulas CeMIT.

Nesta mesma liña, incidiu en que este programa busca tamén promover o uso da tecnoloxía, non só como unha ferramenta de aprendizaxe, senón tamén como un medio para recuperar coñecementos vinculados á memoria, aos oficios, á tradición e ás experiencias das persoas maiores. 

O conselleiro de Facenda e Administración Pública concluíu agradecendo o traballo de todas as persoas que están a facer posible esta iniciativa, tanto aos formadores vinculados ao Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, como aos responsables desta aula, que só este ano xa levan impulsadas oito actividades formativas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/08/2026