Activo un incendio no concello ourensán do Bolo, parroquia de Vilaseco
Decretouse a Situación 2 como medida preventiva pola súa proximidade ao núcleo de poboación de Santa Cruz
O lume iniciouse ás 23.47 horas de onte e segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de arredor de 20 hectáreas
Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2025
A Consellería do Medio Rural informa dun incendio forestal activo arestora no concello ourensán do Bolo, parroquia de Vilaseco. Neste lume vén de decretarse a Situación 2 como medida preventiva, unha situación operativa de emerxencia que se declara pola súa proximidade ao núcleo de poboación de Santa Cruz.
O incendio iniciouse ás 23.47 horas de onte xoves e segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de arredor de 20 hectáreas. Polo de agora mobilizáronse para a súa extinción 4 axentes, 7 brigadas, 5 motobombas e 1 pa.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.