A Xunta emite declaración de impacto ambiental favorable sobre o proxecto para completar a conversión en autovía do corredor Nadela-Sarria

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático conclúe que a actuación é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións e o programa de vixilancia ambiental que figuran na propia resolución e na documentación avaliada

O treito obxecto da presente DIA, de 13,5 quilómetros e o último dos previstos para finalizar o desdobramento, conectará Nadela, en Lugo, coa Pobra de San Xiao

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2025

A Xunta acaba de emitir declaración de impacto ambiental (DIA) favorable relativa á conversión en autovía do treito Nadela-A Pobra de San Xiao, ao seu paso polos concellos do Corgo, Lugo e O Páramo, supeditada, en todo caso, a que se cumpran os condicionantes e o programa de vixilancia ambiental que figuran na propia DIA, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e no resto da documentación presentada polo promotor.

Segundo consta na resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, este tramo, o último pendente para completar o desdobramento do corredor que conecta a cidade de Lugo e Sarria, é ambientalmente viable.

Neste sentido, cómpre destacar que a DIA foi elaborada, a solicitude da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria do proxecto. Asemade, a documentación presentada pola AXI, na súa condición de promotora da actuación, foi sometida a participación pública, cun resultado de nove organismos e entidades preguntados.

Froito destas consultas, os informes sectoriais emitidos realizaron a valoración correspondente e estableceron unha serie de condicións que se engaden ás incluídas no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.

Neste sentido, os organismos consultados consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpran certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde; augas e leitos fluviais; patrimonio cultural; xestión de residuos; protección da fauna, vexetación, hábitats, espazos protexidos e outros valores naturais da zona, entre outros.

Unha vez emitida esta declaración, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para desenvolver o proxecto, remitirase a resolución ao órgano substantivo e daráselle publicidade nos próximos días no Diario Oficial de Galicia e na web da Consellería.

Última fase do desdobramento

Cómpre lembrar que a primeira fase dos traballos de desdobramento do corredor Lugo-Sarria en autovía —un total de 9,7 quilómetros entre A Pobra de San Xiao e Sarria— se abriu ao tráfico en novembro do ano 2022.

Coa emisión da presente declaración de impacto ambiental, a AXI estará en disposición de continuar coa tramitación da segunda e última fase do corredor, un desdobramento de 13,5 quilómetros entre o lugar de Nadela e a parroquia da Pobra de San Xiao, que terá un custo estimado de 34,7 millóns e co que se concluirá a autovía que conectará a capital lucense con Sarria.

O trazado inclúe a execución de dous viadutos (o do río Chamoso e o do Neira), a ampliación de 13 pasos inferiores existentes e a construción de cinco muros de contención de terras, catro con dique e un de formigón armado para o contención do terreo e a execución de camiños próximos á estrada.

 

Data de actualización: 19/09/2025