A Xunta formaliza a venda das parcelas do parque empresarial das gándaras nas que Norvento construirá a súa nova factoría
Trátase das parcelas B2-B3 da fase VII-A que teñen unha capacidade de 39.006 m2
O Goberno galego xa autorizara o pasado mes de maio a execución simultánea do inicio da edificación desta fábrica e as obras de urbanización
O polígono industrial das Gándaras é un parque consolidado no que hai instaladas máis de 130 empresas e no que a Xunta xa leva investidos preto de 60 millóns de euros
Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2025
A Xunta de Galicia, a través da Sociedade Xestión do Solo de Galicia (Xestur), formalizou hoxe a venda das parcelas do parque empresarial das Gándaras en Lugo onde a empresa lucense Norvento xa está a construír a Fábrica Norvento Enerxía Cero (neFO).
En concreto, trátase das parcelas B2-B3 da fase VII-A do polígono industrial e que teñen unha capacidade de 39.006 m2. O Goberno galego, xa autorizara o pasado mes de maio a execución simultánea do inicio da edificación da nova factoría e as obras de urbanización.
Esta fábrica terá unha superficie de 19.429 m2, suporá un investimento de 50 millóns de euros e permitirá a creación de máis de 600 postos de traballo. O proxecto ten como obxectivo a construción e posta en funcionamento dunha innovadora fábrica autosuficiente e cero emisións, con aeroxeneradores de vangarda de entre 100 e 1.000 kW para producir enerxía renovable que favoreza a descarbonización industrial e impulse a repotenciación de parques eólicos.
A Xunta declarou no ano 2023 a Fábrica Norvento Enerxía Cero (neFO) como Proxecto Empresarial Singular, que permitirá construír unha planta de última xeración na que se fabricarán aeroxeneradores de vangarda, equipos de almacenamento de baterías avanzados e convertedores de enerxía modernos.
O parque empresarial das Gándaras
O parque empresarial das Gándaras é un polígono industrial consolidado no que hai máis de 130 empresas asentadas e no que o Goberno galego xa leva investidos preto de 60 millóns de euros.
Neste marco, no mes de xullo adxudicou a redacción do proxecto de urbanización das fases VI e VII-B do parque empresarial das Gándaras, que suporá engadir 352.153 metros cadrados de solo industrial máis e cuxa urbanización rematará no ano 2028. Ademais, nestes momentos estanse executando as obras de urbanización das fases IV, V e VII-A, cunha superficie de 243.487 m2.