A Xunta pon en valor o traballo de Afaga na atención e asesoramento aos doentes de alzhéimer e as súas familias

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria resaltou o papel fundamental dos centros de día públicos específicos para a atención desta enfermidade

Vigo, 19 de setembro de 2025

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, estivo esta mañá cos usuarios do centro de día público de Alzhéimer que xestiona Afaga en Vigo. Durante a visita, puxo en valor o traballo desta entidade que presta un servizo imprescindible na contorna na atención e asesoramento aos doentes e as súas familias.

O director xeral lembrou que a Xunta impulsa desde hai anos unha rede pioneira de centros de atención ao Alzhéimer en colaboración coas entidades sociais. Así, sinalou que a colaboración entre o Executivo autonómico e o tecido asociativo é fundamental para chegar a máis usuarios e dar visibilidade a esta doenza.

Envellecemento activo

Previamente, Antón Acevedo visitou aos usuarios da residencia Doral de Mos e puxo en valor a importancia de contar con actividades e iniciativas, como as que ofrece este centro, para previr o deterioro cognitivo e impulsar o envellecemento activo entre os maiores. Isto supón, dixo, un paso fundamental para detectar posibles demencias e retrasar as situacións de dependencia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/09/2025