O Multiusos Fonte do Sar acollerá o vindeiro 27 de setembro un evento que ten por obxecto fomentar a convivencia saudable coas pantallas dentro das unidades familiares

A Xunta fomenta o uso responsable das novas tecnoloxías coa celebración dunha xornada de lecer dixital en familia

Establecer un equilibrio entre as actividades dixitais e o tempo en familia, facilitar a busca de contidos que acheguen valor ou definir unha pautas de conduta dixital son algunhas das finalidade que procura esta iniciativa

A participación no evento será completamente de balde e as familias que desexen participar simplemente deberán achegarse até o Hall do Multiusos Fontes do Sar

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2025

A Xunta está a ultimar os preparativos da Xornada de benestar dixital familiar, que durante o vindeiro sábado, 27 de setembro, se celebrará no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela. 

A iniciativa, impulsada pola Consellería de Sanidade a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, ten por obxecto fomentar a convivencia saudable coas pantallas e cos dispositivos electrónicos dentro das unidades familiares, así como promover hábitos axeitados na contorna dixital. 

Deste xeito, a xornada de lecer dixital buscará establecer un equilibrio entre as actividades dixitais e o tempo en familia; fomentar a busca de contidos educativos e de entretemento que acheguen valor e, tamén, definir unhas pautas de conduta dixital na que os adultos sexan modelos de comportamento para os nenos.

O evento estenderase desde as 12,00 horas até as 20,00 horas e está deseñado para que poidan participar todos os integrantes da familia. Neste senso, vertebrarase ao redor de catro eixes de actividades.

Por unha banda, celebrarase un Torneo de Mario Kart no que pais e fillos participarán nun pequeno campionato interxeracional. Ademais, artellarase un obradoiro no que se proporcionaran pautas e ferramentas sobre os contidos axeitados para cada franxa de idade.

A terceira das actividades consistirá na realización dunhas que mesturarán sesións de lecer tradicional con sesións de lecer dixital, ao fin de conxugar ambos entretementos na vida cotiá. Finalmente, desenvolveranse un obradoiro no que se presentarán as últimas tendencias do lecer dixital e os vindeiros retos tecnolóxicos: realidade virtual,  intelixencia artificial, etc. 

Xunto co anterior, o evento contará con actividades formativas, habilitándose  espazos de lecer e outras experiencias dixitais, na procura de xerar un ambiente máis ameno e distendido.

Participar na Xornada de Benestar Dixital Familiar

A participación no evento será completamente de balde e, as familias que desexen participar, simplemente deberán achegarse ata o Hall do Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela. 

Unha vez alí, completarán un formulario -mediante un código QR-, para recompilar a información sobre os seus hábitos dixitais e os seus datos persoais, co propósito de xerar unha base de datos e así realizar un seguimento posterior da implementación do plan.

Estes cuestionarios recolleranse tanto en formato físico como por correo electrónico, e almacenaranse nunha base de datos para realizar un seguimento ás catro semanas. Deste xeito, avaliaranse as novas actitudes adoptadas pola familia e o seu impacto en cada núcleo familiar. 

A Consellería de Sanidade ten previsto estender a celebración desta xornada de lecer familiar e dixital a outras localidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/09/2025