Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 20.00 h. de hoxe

Segue activo o incendio de Pantón-Pombeiro (2.000 ha), onde está decretada a Situación 2 de maneira preventiva

Controlados os incendios de Lobios-Río Caldo (3,5 ha), que afecta ao Parque Natural da Baixa Limia Serra do Xurés, o da Fonsagrada-O Trobo (30 ha) e o de Barreiros-San Xusto de Cabarcos (140 ha)

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2025

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 20.00 horas de hoxe domingo.

A principal novidade arestora é que nas últimas horas quedaron controlados os incendios de Lobios-Río Caldo, que afecta ao Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, e o da Fonsagrada-O Trobo.

LUGO

ACTIVOS

Activo Pantón-Pombeiro. Activada Situación 2

Ás 14.16 horas do pasado xoves iniciouse o incendio forestal rexistrado no concello de Pantón, parroquia de Pombeiro, no que se mantén activa a Situación 2 de forma preventiva. Segundo as últimas medicións tomadas dende o terreo afecta unha superficie de arredor de 2.000 hectáreas, parte delas no concello de Sober. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 21 técnicos, 123 axentes, 157 brigadas, 99 motobombas, 9 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 15 helicópteros e 12 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

CONTROLADOS

Controlado A Fonsagrada-O Trobo

Desde as 18.50 horas de hoxe está controlado o incendio iniciado ás 02.25 horas de onte sábado no concello da Fonsagrada, parroquia do Trobo, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 30 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 13 axentes, 24 brigadas, 14 motobombas, 1 pa e 3 helicópteros.

 Controlado Barreiros-San Xusto de Cabarcos

Segue controlado desde o pasado martes 16 ás 21.59 horas o incendio forestal rexistrado no concello de Barreiros, parroquia de San Xusto de Cabarcos, iniciado o domingo 14 ás 16.14 horas. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 140 hectáreas de monte arborado. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 8 técnicos, 86 axentes, 120 brigadas, 94 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 2 avións.

OURENSE

CONTROLADOS

Controlado Lobios-Río Caldo

Ás 19.59 horas desta tarde quedou controlado o lume iniciado ás 05.09 horas de hoxe no concello de Lobios, parroquia de Río Caldo, que se rexistrou en dous puntos. Segundo as primeiras estimacións, afecta arredor de 3,5 hectáreas, parte delas dentro do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Para a súa extinción mobilizáronse 13 axentes, 24 brigadas, 10 motobombas, 3 helicópteros e 2 avións. Neste incendio tamén se contou coa colaboración de medios portugueses.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.

Data de actualización: 21/09/2025