A Xunta licita por 290.000 euros o subministro de reactivos necesarios para mellorar a precisión e a eficiencia nos procesos de doazón e transplante de órganos e tecidos
Con esta licitación, o departamento sanitario galego consolida o seu compromiso coa innovación tecnolóxica e coa mellora continua nos procesos de tipificación xenética
As empresas interesadas neste procedemento teñen de prazo ata o 29 de outubro para presentar as súas ofertas
Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2025
O Portal de Contratos de Galicia publica, a través da Consellería de Sanidade e por un importe de 290.400 euros, a licitación do subministro de reactivos e a cesión de equipamento destinado á tipificación da histocompatibilidade de leucocitos humanos mediante técnicas de secuenciación masiva na Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.
Con esta licitación, o departamento sanitario galego consolida o seu compromiso coa innovación tecnolóxica e coa mellora continua nos procesos de tipificación xenética, fundamentais para garantir a seguridade e eficacia nas actividades de doazón e transplante de órganos e tecidos en Galicia.
As empresas interesadas neste procedemento teñen de prazo ata o 29 de outubro para presentar as súas ofertas.
Acreditación europea
A Unidade de Bioloxía Molecular e Histocompatibilidade da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos está acreditada desde o ano 1999 pola European Federation for Inmunogenetics para a realización de probas de histocompatibilidade no contexto do transplante de proxenitores hematopoéticos.
A proba principal necesaria neste transplante é a xenotipaxe dos antíxenos principais da histocompatibilidade dos leucocitos humanos, e a este nivel determinouse que a técnica empregada debe posuír a resolución e as prestacións necesarias para detectar e identificar todos os polimorfismos xenéticos, con capacidade funcional na resposta inmunolóxica. A tal efecto, requírense técnicas de tipaxe baseadas en secuenciación de nova xeración.
En consecuencia, o presente contrato permitiralle á Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos mellorar a precisión e a eficiencia nos procesos de tipificación, fundamentais para a doazón e o transplante de órganos e tecidos.