A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reuniuse hoxe con empresarios do polígono industrial de Bértoa (Carballo)
Lorenzana avanza que a Xunta comeza a traballar xa con todos os interesados en instalarse no polígono de Bértoa (Carballo) para coñecer as súas necesidades
Sinala que a recente aprobación no Consello da Xunta do Plan Estruturante de Ordenación do Solo Empresarial (PEOSE) deste parque vai permitir incrementar a súa superficie en máis dun 50 por cento, cun investimento que ascende aos 28 millóns de euros e coa previsión de comezar as obras a principios do ano 2027
Esta actuación súmase aos máis de 2 millóns de metros cadrados de solo industrial que a Xunta de Galicia está agora mesmo tramitando en toda a provincia da Coruña
Carballo (A Coruña), 24 de setembro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanzou hoxe que a Xunta de Galicia comeza a traballar xa con todos os interesados en instalarse no polígono de Bértoa (Carballo) para coñecer as súas necesidades.
Así o asegurou hoxe, logo de manter unha xuntanza con empresarios do municipio, con quen abordou a recente aprobación no Consello da Xunta do Plan Estruturante de Ordenación do Solo Empresarial (PEOSE) deste parque empresarial, que vai permitir incrementar a súa superficie en máis dun 50 por cento (630.000 m²) cun investimento que ascende aos 28 millóns de euros e coa previsión de comezar as obras a principios do ano 2027.
Lorenzana explicou que, unha vez aprobado o PEOSE, o instrumento para que sexa realidade a urbanización e as obras deste polígono, dixo, comeza agora a fase de expropiación dos terreos e de elaboración do proxecto de urbanización. “Podemos comezar a traballar con todos os interesados, os empresarios de Carballo e aqueles que queiran investir aquí, en coñecer cales son as superficies e as necesidades que van ter nas dúas zonas onde se vai ampliar o actual polígono de Bértoa e, con isto, a principios do ano 2027 comezaremos as obras para que, a continuación, poidan xa empezar a instalarse as novas industrias”, dixo.
Segundo precisou, esta actuación súmase aos máis de 2 millóns de metros cadrados de solo industrial que a Xunta de Galicia está agora mesmo tramitando en toda a provincia da Coruña. É, dixo, parte do traballo que está a facer o Goberno galego para poñer á disposición das empresas solo industrial coas infraestruturas loxísticas e a conexión eléctrica que precisan.