O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou na inauguración do 101º Congreso da Sociedade Española de Oftalmoloxía que se celebra en Santiago de Compostela

Gómez Caamaño destaca a oftalmoloxía entre as áreas con maior incremento de operacións de maiores de 90 anos, con máis de 650 intervencións en 2024

Sinala que o avance da técnica e da capacidade resolutiva da sanidade pública motiva a posibilidade de aumentar a actividade cirúrxica en oftalmoloxía

Destaca as máis de 29.000 cirurxías oftalmolóxicas realizadas en 2024, case 1.400 máis que o ano anterior, mentres que no primeiro semestre de 2025 xa se realizaron case 16.000

O Servizo Galego de Saúde está a poñer en marcha un proxecto pioneiro para medir o impacto real de tratamentos innovadores en pacientes con dexeneración macular asociada á idade

Tamén está a desenvolverse o proxecto Tartaglia, que explora o uso de algoritmos para o diagnóstico de retinopatía diabética

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou hoxe a área de oftalmoloxía como unha das especialidades con maior incremento no número de operacións de maiores de 90 anos no Servizo Galego de Saúde, chegando ás 651 intervencións en 2024.

Durante a inauguración do 101º Congreso da Sociedade Española de Oftalmoloxía que se celebra estes días en Santiago de Compostela, o titular de Sanidade explicou que este aumento, motivado polo avance da técnica e da capacidade resolutiva, mantense con 376 operacións oftalmolóxicas no primeiro semestre deste ano.

Gómez Caamaño sinalou que o envellecemento da poboación chama á especialidade de oftalmoloxía a dar respostas avanzadas á incidencia crecente das cataratas, o glaucoma ou a dexeneración macular.

Para responder a estas necesidades, o Servizo Galego de Saúde impulsou, entre outras accións, a renovación do equipamento, tanto nos hospitais como nos centros de atención primaria.

Ademais, estase a poñer en marcha un proxecto pioneiro para medir o impacto real dos tratamentos innovadores da sanidade pública na evolución e a calidade de vida dos pacientes con dexeneración macular asociada á idade.

No apartado da innovación, o conselleiro de Sanidade fixo mención ao proxecto Tartaglia, que explora o uso de algoritmos para o diagnóstico de retinopatía diabética.

O servizo de oftalmoloxía é un dos de maior actividade cirúrxica do Servizo Galego de Saúde. En 2024 rexistráronse máis de 29.000 intervencións, o que supón case 1.400 máis que o ano anterior, e no primeiro semestre de 2025 xa se realizaron case 16.000 operacións.

Durante a súa intervención no congreso, Gómez Caamaño valorou a aposta pola formación e a investigación da Sociedade Española de Oftalmoloxía e animou aos novos talentos a traballar na sanidade pública galega.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2025