A Xunta realizou obras de mellora no Xulgado de Sarria e instalou un arco de seguridade no acceso ao edificio

O delegado territorial, Javier Arias, explica que as actuacións de acondicionamento desenvolvéronse no verán e centráronse principalmente na fachada

Sarria (Lugo), 25 de setembro de 2025

A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes executou no verán varias melloras no Xulgado de Sarria, cun investimento de 26.300 euros.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitou hoxe as instalacións para comprobar o resultado das obras. A principal actuación centrouse no acondicionamento da fachada, para corrixir o deterioro propio do paso do tempo.

Con esa finalidade acometeuse a limpeza de todo o exterior e da entrada principal. Tamén se aplicou un tratamento hidrófugo - para evitar a humidade- na fachada e renovouse a pintura dos paramentos. Nas zonas onde hai pedra, realizouse o selado das xuntas. No que respecta ao interior do inmoble, destaca o pintado da área de Rexistro Civil.

Arias lembrou que o Goberno galego ten un programa anual de mantemento e modernización das infraestruturas xudiciais da Comunidade, para garantir a prestación dos servizos nas mellores condicións.

Así mesmo, dentro do plan de reforzo da seguridade neste tipo de edificios, a Xunta instalou o ano pasado un arco de seguridade na entrada do xulgado sarriao. Dese xeito facilítanse os controis de acceso dos usuarios.

Por último, o delegado avanzou que antes de que finalice o ano acometerase unha nova actuación en Sarria, neste caso para acondicionar unha porta de paso específica con peche eléctrico para o persoal que desenvolve alí o seu traballo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2025