Expertos debaterán en Santiago sobre o uso da intelixencia artificial ao servizo dos valores humanos e da verdade
O centro Gaiastech da Cidade da Cultura acollerá o 2 de outubro unha xornada sobre Ética, emprego e verdade ante tecnoloxías disruptivas: as persoas no centro
Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2025
O centro Gaiastech da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia acollerá o próximo xoves, 2 de outubro, a partir das 9:30h., unha xornada de debate sobre as oportunidades que representan tecnoloxías como a intelixencia artificial para o emprego, o desenvolvemento social con criterios éticos e a garantía de que as persoas reciban información veraz.
A xornada ten como obxectivo acoller un diálogo que conecte visións técnicas, sociais, éticas e institucionais para comprender mellor como as tecnoloxías innovadoras transforman ámbitos tan sensibles como o emprego, a formación, os dereitos fundamentais ou a información.
Ao longo da mañá desenvolveranse tres mesas redondas, Tecnoloxía en emprego e formación: transversalidade da capacitación e novos perfís profesionais, Retos éticos e dereitos ante tecnoloxías disruptivas e A tecnoloxía ao servizo da verdade.
A primeira mesa, ás 9:45 h., será moderada por Santiago Boquete, subdirector xeral do Servizo Público de Emprego de Galicia e dela formarán parte María Dorrego, responsable de recursos humanos de Kelea, Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e Francisco Javier Bellas, profesor de Robótica Autónoma e Aprendizaxe Automática da Universidade da Coruña.
A mesa sobre ética e dereitos ante tecnoloxías disruptivas estará moderada, a partir das 11:30 h., polo avogado especializado en seguridade da información e protección de datos Diego Estévez e contará coas intervencións de Enrique Latorre, profesor de Lóxica e Filosofía da Ciencia da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Marcos Almeida, profesor de Dereito Administrativo da USC e membro da Comisión de Expertos para o Desenvolvemento da Intelixencia Artificial en Galicia, e Javier Alberto Rojas Martínez, especialista en hematoloxía e membro do Grupo de Investigación en Hematoloxía Computacional e Xenómica (Grheco Xen) do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela.
A mesa sobre tecnoloxía ao servizo da verdade, ás 12:45 h., estará moderada por Alberto Dafonte, doutor en Comunicación Audiovisual e Publicidade e contará coa participación de Emma Torres, decana da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo e presidenta da Asociación de Universidades con Estudos de Comunicación, Pablo Gamallo, catedrático da USC e investigador do CITIUS; Manuel Rey, vogal do Colexio de Xornalistas de Galicia e Jorge Vázquez Herrero, profesor de Xornalismo na USC.
As persoas interesadas poden inscribirse en gaiastech.xunta.gal.