Martina Aneiros avoga por un deporte galego “forte, igualitario e con proxección de futuro” durante a presentación da XLII Copa Xunta de Galicia de Voleibol

A delegada territorial de Ferrol participou esta mañá no Concello de Cedeira na presentación da competición que terá lugar os días 27 e 29 de setembro no pavillón municipal

Na cita tomarán parte os equipos Arenal Emevé, Aldebarán San Sadurniño, Rotogal Boiro e Dumbría Voleibol, na categoría masculina, e Arenal Emevé, Xuvenil Teis, CV Instituto Zalaeta e Aceites Abril VoleyOurense, na feminina

Cedeira (A Coruña), 25 de setembro de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, xunto ao alcalde de Cedeira, Pablo Moreda, participou esta mañá no salón de plenos do Concello na presentación da XLII Copa Xunta de Galicia de Voleibol da que destacou “é a mellor mostra do noso compromiso cun deporte galego forte, igualitario e con proxección de futuro”.

A cita, na que cada ano se enfrontan os catro mellores equipos femininos e masculinos clasificados na campaña pasada, -neste caso Arenal Emevé, Intasa San Sadurniño, Rotogal Boiro e Dumbría Voleibol, na categoría masculina, e Arenal Emevé, Xuvenil Teis, CV Instituto Zalaeta e Aceites Abril VoleyOurense, na feminina-, terá lugar esta fin de semana no pavillón municipal. Os partidos correspondentes ás semifinais disputaranse ás 10,30 e ás 12,30 horas, tanto na xornada do sábado cando se xoga a competición masculina, como na do domingo, a feminina. As finais disputaranse ás 17,30 horas.

Na súa intervención, Aneiros recoñeceu o papel fundamental de federacións, clubs e concellos na promoción do deporte e reivindicou o compromiso do Goberno galego “promovendo a práctica deportiva en todas as idades e disciplinas, e acompañando aos clubs que son a verdadeira base do noso sistema deportivo”, destacou.

Por último, a delegada territorial fixo un chamamento aos afeccionados ao voleibol a achegarse esta fin de semana ao pavillón municipal de Cedeira para gozar dun dos eventos máis destacados do calendario galego e que se enmarca dentro da actividade da promoción deportiva que contempla o convenio entre a Secretaría Xeral para o Deporte e a Federación Galega de Voleibol. A entrada será de balde.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2025