A conselleira de Política Social e Igualdade participou hoxe na xuntanza anual de residencias de maiores organizado por Acolle
Fabiola García pon en valor o labor que desenvolven as entidades sociais na atención e coidado dos maiores
Destacou a importancia deste tipo de encontros, que reúne a unha decena de centros residenciais de Galicia e conta coa asistencia de máis de 160 persoas
Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañou esta mañá a máis de 160 persoas maiores na xuntanza que cada ano celebra a Asociación galega de residencias e centros de anciáns de iniciativa social (Acolle). Este colectivo reúne a 12 residencias de toda Galicia, que suman preto de 900 usuarios.
Durante o encontro, no que estivo acompañada polo director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, e pola presidenta de Acolle, Celina Rey, Fabiola García puxo en valor o traballo que realizan entidades como Acolle, que están “fortemente comprometidas coas persoas maiores e que valoran e coidan dos seus como unha gran familia”. A conselleira destacou o modelo de atención e coidados de Galicia, que se basea na colaboración coas entidades, a través do financiamento de prazas; na universalidade, e na proximidade dos recursos residenciais.
Por último, Fabiola García apostou por seguir avanzando e consolidando este modelo, que é posible grazas á colaboración de todos os axentes implicados, das administracións públicas e as entidades que traballan no sector.